O Fisioche-ben vence ao Narón Volea no partido solidario do Nadal

0

A tarde deste sábado estivo dedicada en San Sadurniño ao deporte feminino e solidario, cunha cita no Pavillón municipal onde puidemos ver algúns dos exercicios que se fan nas clases de ximnasia de mantemento para persoas maiores, pero tamén un apaixoante encontro entre o equipo sénior feminino do Aldebarán e as rapazas do Narón Volea. Foi un partido amigable que, porén, tamén mostrou os visos dunha final, con xogo intenso e de calidade por ámbalas partes. Finalmente foron as rapazas da casa quen se fixeron coa victoria por 2 sets a 1. 

A convocatoria do Concello tiña por finalidade reivindicar, unha vez máis, o papel igualitario da muller na práctica deportiva e, por outra banda, aproveitar a ocasión cunha finalidade solidaria recollendo alimentos non perecedoiros e artigos de hixiene. Nas bancadas do pavillón contáronse unhas 40 persoas que, aínda sendo menos que en anos anteriores, fixeron unha xenerosa achega de leite, conservas e outros produtos.

A tarde abriu cunha pequena exhibición das mulleres -e un home- que acoden semanalmente ás clases de ximnasia de mantemento impartidas polo Concello. Fixeron pequenos exercicios de coordinación e flexibilidade para dar conta do seu bo estado físico, así como da utilidade de facer deporte todos os días, aínda que sexan só movementos de baixa intensidade cos que manter a tono músculos e xogas.

Ao remate da ximnasia entraron na pista as rapazas do Narón Volea e do Fisioche-ben. O equipo sénior feminino deulle entrada ás promesas locais doutras categorías, como as cadetes Lía, Nuria, Carmen e Elena, para medirse cunhas visitantes que militan na segunda división xuvenil e que son un dos equipos fortes da liga, situadas en 3ª posición nunha táboa de dez formacións.

O partido comezou igualado, pero pouco a pouco as rapazas do Fisioche-ben empezaron a marcar distancias, gracias a unha maior efectividade no saque e na cobertura de zonas mortas da cancha. O primeiro set quedou na casa por 25/22. Pero no segundo o Narón Volea arrepúxose e marcou o ritmo do encontro seguido de preto polas locais. Factores decisivos foron os saques e tamén a súa tentativa de levar o xogo á rede, onde mostraban unha maior capacidade de bloqueo e de resolver balóns mortos.

Así, o segundo parcial do partido marchou a Narón -19/25- e o terceiro e último -que se disputou pola diferenza de 2 puntos a partir do 15º- presentouse como unha contenda épica na que as dúas escuadras forzaron ao tope as súas capacidades para ofrecer un espectáculo que ben podería ser o da final dun campionato. Xogadas interminables e vistosas, balóns salvados in extremis e potencia no saque -un apartado no que destacaron Carla Romero polas visitantes e Cati Piñeiro polas nosas-, foron as constantes dos compases finais do partido que se resolveu por 18 tantos a 16 neste último lance.

O encontro rematou cerca das 20.00h. deixando un bo sabor de boca do visto na pista e tamén deixando patente que o volei feminino de ferrolterra ten unha grande canteira.

Xusto a esa hora comezaba en Lugo o partido entre o Emevé e mailo Aldebarán-Intasa masculino, quen lle meteu un contundente 0-3 a domicilio. Os dous equipos -1º e 2º respectivamente no grupo A da SM2- volverán coincidir o 13 de xaneiro en Leganés para disputaren a XI Copa Príncipe contra os cabezas do grupo B, o Podes I Tales de Manacor e o anfitrión, o CV Leganés.

O trofeo KO separou nos cruzamentos aos dous equipos galegos. O Emevé xogará a primeira semifinal o sábado -16.30h.- contra os de Manacor e o Intasa verase na segunda eliminatoria co Leganés, a iso das 19.00h…. de maneira que poderían non chegar a enfrontarse ou, o que todas e todos agardamos, que haxa unha final galega en Madrid o domingo a partir das 12.30h no pavillón denominado, curiosamente, Pardo Bazán.

 

Share.