O Estado dá un mes máis para as declaracións do IVE e do IRPF

0

O Consello de Ministros aprobou na súa xuntanza desta mañá ampliar até o 20 de maio o prazo para que as pemes e persoas autónomas presenten as declaracións do pagamento fraccionado do IRPF e do IVE e do Imposto de sociedades. O anuncio -pendente aínda de saír no BOE- prodúcese in extremis, posto que o período para domiciliacións destes impostos finalizaba mañá mércores -o luns que vén para o pagamento voluntario- e, ademais, e ante a inminencia dos prazos, había días que se falaba desta solución tributaria para alixeirarlles carga ás pequenas economías. O Goberno estatal traduce o aprazamento en 3.558 millóns de euros “de liquidez” para pequenas empresas e autónomos  ao libralos da obriga de ingresar os impostos neste momento.

Para acollerse a este aprazamento será requisito imprescindible que non se superen os 600.000 euros de facturación, co que, segundo os datos ofrecidos este mediodía polo Goberno, da medida poderán beneficiarse arredor de 3,4 millóns de contribuíntes. Non se explicou, porén, se tamén poderán solicitar  esta opción todas aquelas pemes e traballadoras por conta propia que xa tivesen presentadas as súas declaracións, posto que mañá mércores era o último día para achegar os formularios para a domiciliación dos impostos.

O que si é seguro é a ampliación dos prazos durante un mes para quen aínda non presentase nada. Así, para domiciliación do pagamento fraccionado do IRPF e da recadación do IVE correspondente á facturación de xaneiro a marzo, a nova data será o 15 de maio, mentres que para o ingreso voluntario o último día será o 20 de maio.

A Ministra de Facenda, María Jesús Montero, recordou na súa comparecencia deste mediodía que este adiamento no pagamento dos impostos é complementario da posibilidade de aprazar o seu pagamento durante 6 meses -3 deles sen xuros- sempre que non se superen os 30.000 euros de débeda.

Por outra banda, na rolda de prensa tamén se deixou caer que o executivo “está traballando” nun cambio que lles facilite aos autónomos o cambio do sistema de módulos ao de estimación directa á hora de pagar o IRPF.  As diferenzas entre un e outro sistema de tributación son salientables e poden supoñer un importante balón de osíxeno para os pequenos negocios, sobre todo para os hostaleiros e outros que deberon pechar pola crise. No réxime de estimación obxectiva (os módulos) a Axencia Tributaria aplica por defecto unha serie de parámetros dos que sae unha cifra fixa que se debe pagar cada trimestre, algo que adoita ser moi favorable se o negocio funciona medianamente ben. Porén, nunha situación como a actual e a que seguramente se viva nos próximos meses, cunha caída drástica de ingresos, pagar o fixo dos módulos pode ser unha carga económica inasumible.

Por iso, e de cara ao proceso de recuperación paseniña que virá trala crise, para moitos autónomos e autónomas será máis vantaxoso pasar á estimación directa, posto que nese caso págase en base aos ingresos reais que se obteñen coa actividade e, se estes son baixos, tamén serán máis baixos os tributos.

O máis probable -insistimos, “probable”, xa que só vale o que publique no BOE- é que o Consello de Ministros introduza como modificación a posibilidade de facer polo medio do ano o cambio da estimación obxectiva á estimación directa, xa que na actualidade só é posible renunciar aos módulos por anos naturais completos e tramitando o papeleo sempre no mes de decembro para que teña efecto no exercicio seguinte.

Medidas que xa estaban en marcha
Na rolda de prensa tamén se repasaron outras medidas postas en marcha en días anteriores, como é o caso das prestacións que teñen os autónomos abocados ao peche por causa da pandemia ou que visen reducidos nun 75% os seus ingresos con respecto aos dos seis meses anteriores.

A prestación chegará ao 70% da base reguladora, sempre que se cotizase un mínimo de 12 meses antes da declaración do estado de alarma. As que cotizasen por menos tempo recibirán unha cantidade equivalente ao 70% da base mínima de cotización do colectivo ao que pertenzan, cun mínimo de 661€. Terá unha duración de un mes, aínda que se poderá ampliar até o último día do mes en que conclúa o estado de alarma. Durante ese tempo non será necesario cotizar á Seguridade Social -non haberá que pagar “autónomos”-, aínda que contará como cotizado na vida laboral. Tampouco se perderán as posibles bonificacións das que se estivese desfrutando, como por exemplo a Tarifa Plana de autónomos. Os requisitos para solicitar a prestación son:

  • Estar de alta no Réxime especial na data de declaración do estado de alarma
  • Estar afectado/a polo peche do negocio debido á declaración do estado de alarma ou que a facturación no mes de marzo diminuíse alomenos un 75% con respecto á media do semestre anterior.
  • Estar ao corrente do pagamento de cotas á Seguridade Social. No caso de que non se cumpra este último requisito haberá un prazo de 30 días para ingresar as cotas pendentes.
  • Tamén poden pedir a prestación as persoas autónomas que teñan persoal contratado.

Segundo informou a ministra, o Estado recibiu un total de 941.000 solicitudes relacionadas co cesamento da actividade ou cun descenso acusado dos ingresos debido á situación de alarma.

Outros aforros
Ademais disto, as persoas que traballen por conta propia e as PEMES poderán flexibilizar os contratos de subministración enerxética e, no caso das autónomas, incluso acollerse ao bono social eléctrico:

  • Sen ningún tipo de custo poden suspender temporalmente os seus contratos de subministración de electricidade ou modificalos, permitindo o cambio de peaxe de acceso e o axuste da potencia contratada.
  • Na subministración de gas natural permítese axustar a capacidade contratada ás súas necesidades reais, cambiar a peaxe de acceso ou, mesmo suspender temporalmente o contrato, tamén sen custo.
  • Pódeselle solicitar tamén ás comercializadoras que durante o estado de alarma suspendan as facturas de electricidade, gas natural e outros produtos derivados do petróleo, que logo se poderán satisfacer nos seguintes seis meses.
  • En canto ao bono social eléctrico, o Estado tamén publicou un formulario para que os autónomos e autónomas poidan acollerse a esta modalidade durante 6 meses. Deberán ter suspendido a súa actividade por mor da crise sanitaria ou ben ter reducido a súa facturación nun 75% con respecto ao promedio do semestre anterior. Será obrigatorio cambiar o tipo de contrato cara ao Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor, algo que se pode facer a través das webs das comercializadoras de referencia, que dispoñen de formularios para este trámite e tamén para a solicitude en liña do bono.  Con todo, o BOE publicou un modelo de solicitude que será igualmente válido. As comercializadoras están obrigadas a contactar no prazo de 5 días coas persoas solicitantes no caso de que lles falte algún documento.

A Xunta de Galicia  puxo en marcha un teléfono para consultas relacionadas co ámbito laboral ou empresarial debido á actual situación: 900 815 600 (de luns a venres, de 08:00 a 18:00 h)Sobre estes e outros aspectos tamén hai información no Servizo público de emprego (SEPE)

Recordamos, por último, que para calquera aclaración sobre a inxente cantidade de cambios neste ámbito que se están producindo un día si e outro tamén pódese contactar co Axente de Desenvolvemento local do Concello de San Sadurniño, Ignacio Fernández, a través do teléfono 981 490 027.

 

Share.