O Entroido asalta o Concello

0

As tribos urbanas do CPI de San Sadurniño tomaron este mediodía a Casa do Concello. A práctica totalidade do alumnado e mailo profesorado do colexio percorreron o centro urbano ata chegar ao patio interior do pazo, onde lle botaron varias pezas tradicionais e mesmo trastocaron o desenvolvemento da actividade administrativa -xunta de goberno local incluída- xa que ninguén contaba con semellante boreo. Cousa que, por outra banda, non debería causar extrañeza tratándose do Entroido. E mañá, máis.

A cativería marchou hoxe de vacacións até o próximo xoves tras pasar unha xornada de troula que comezou na escola ben cedo e que culminou cerca das 14.00h. no interior da casa consistorial xuntando entre gaitas e rebumbio as comparsas de todas as clases, que elixiron este ano o tema do Rock nas súas múltiples variedades: heavy, trash, rock`n roll, punk.., anque no medio tamén se colou algún persoeiro do entroido tradicional galego.

Mañá sábado volverán ter outra cita coas máscaras a partir das 17.00h. no ximnasio do CPI, con motivo da festa preparada pola área de Cultura na que haberá música con La GuaGua, inchables, camas elásticas e obradoiros de maquillaxe.

Para o luns e o mércores -o martes é festivo local en San Sadurniño-, o Concello tamén organizou varias actividades en horario de mañá a medio camiño entre as festas nas que estamos e a conciliación.

Así, o luns entre as 10 e as 12.00h. hai un obradoiro de creación de sombreiros e complementos de carnaval e das 12 ás 13.45h. celebrarase a segunda sesión, centrada na fabricación de máscaras con material reciclado.

O mércores 6 a primeira parte da mañá, de 10 a 12.00h., resérvase para xogar na Aula CeMIT con aplicativos en rede de software libre. Hai 10 prazas dispoñibles. Despois, de 12 a 13.45h., ofértaselles aos nenos e nenas un obradoiro de elaboración de freixós que poderán decorar antes de comelos.

Share.