O Concello suspende as actividades culturais e deportivas e pecha temporalmente a escola infantil

0

O Goberno local acaba de comunicar a suspensión de todas as actividades municipais previstas para as próximas dúas semanas, así como o peche da Escola Infantil Municipal A Rolada e das instalacións culturais e deportivas mentres se manteñan as medidas de contención do coronavirus acordadas esta mañá polo Consello da Xunta. Unhas medidas que sairán publicadas nunhas horas no Diario Oficial de Galicia e que serán de aplicación durante alomenos 14 días, con posibilidade de que se prorroguen se así o aconsella a situación sanitaria.  Entre as accións preventivas que se aplicarán desde mañá mesmo está a suspensión da actividade lectiva en todos os centros de ensino, unha maior restrición do aforo en eventos públicos, o incremento das precaucións en residencias de persoas maiores e hospitais ou a recomendación de que os grupos de risco -persoas inmunodeprimidas, maiores ou con afeccións respiratorias- eviten os lugares concorridos ou o uso do transporte público. 

Este mediodía informamos de que o Concello ía agardar ao encontro celebrado este serán entre a Xunta e a FEGAMP para anunciar as medidas que se aplicarán en San Sadurniño para conter a propagación do coronavirus. Na reunión mantida en Santiago, o Goberno galego trasladoulle oficialmente aos representantes da federación de municipios a batería de accións que se adoptarán durante un período inicial de 14 días e que xa foran adiantadas por Núñez Feijóo tralo Consello da Xunta.

As máis destacadas, a suspensión das clases e das actividades extraescolares en todos os niveis educativos desde o luns -e recomendación de que este venres a cativería xa quede na casa-, a clausura temporal de centros sociocomunitarios -incluídos os centros de día, sobre os que este mediodía aínda non había unha decisión tomada-, unha maior restrición dos aforos máximos en eventos celebrados en espazos abertos -tope de 1.000 persoas- e recintos pechados -máximo 500- e un incremento das precaucións para evitar contaxios en residencias de anciáns e hospitais, onde se limitarán as visitas a un único familiar por residente/paciente.

Estas medidas acompáñanse, ademais, co peche de museos e arquivos, así como da limitación da concorrencia en bibliotecas de titulariedade autonómica. Ao paquete de medidas engádese a recomendación para os concellos de que sigan os mesmos pasos adoptados pola Xunta, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia ao longo desta mesma noite.

Neste sentido, e tras participar na xuntanza en Santiago, Secundino García reuniu pasadas as 21.00h. a todo o Goberno local para coordinar o traslado de todas as accións preventivas á actividade municipal, que se manterán alomenos durante as próximas dúas semanas con posibilidade de que se prorroguen durante máis tempo se as autoridades sanitarias e a propia situación así o aconsellan. Son as seguintes:

  • Peche temporal da Escola Infantil Municipal A Rolada desde o luns 16 e, en coincidencia coas medidas da Xunta,  recomendación de que as nenas e nenos xa non acudan mañá ao centro.
  • Peche temporal da Casa da Cultura -incluída a biblioteca municipal e a Aula CeMIT-, do Ximnasio municipal, da Casa da Xuventude, do Pavillón municipal e da área deportiva dos Currás: quedan suspendidas, polo tanto, todas as actividades que se desenvolven habitualmente nestes espazos, tanto as organizadas polo Concello como por entidades e particulares.
  • Interrupción de toda a programación municipal -actos co gallo do 8-M e actividades que teñen aberto neste momento o prazo de inscrición, en previsión de que se deban pospoñer, como por exemplo a Feira da Plantación, os cursos de apicultura e fructicultura, o programa Tempos para compartir ou o obradoiro “O tecido da memoria”, entre outros.
  • Interrupción das escolas culturais e deportivas, ademais dos obradoiros de memoria activa, as sesións de ximnasia de mantemento e tamén os cursos itinerantes da Aula CeMIT.
  • Por último, tamén se lles recomenda ás entidades veciñais do municipio que suspendan durante o tempo que duren as medidas sanitarias todas aquelas actividades que teñan programadas.

O Concello publicará e distribuirá mañá un bando no que se vai recoller esta e outra información relacionada co plan de contención do coronavirus. Ademais tamén está previsto coordinar co persoal municipal os protocolos polos que se rexerá a atención ao público nas oficinas e tamén a atención ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, co obxectivo de manter o seu normal funcionamento cumprindo ao mesmo tempo as pautas para previr posibles contaxios.

O Goberno local quere facer un chamamento á tranquilidade e agradece a colaboración de toda a veciñanza, recalcando que a adopción destas medidas atende a unha situación excepcional que se manterá durante 14 días pero que podería prolongarse durante máis tempo se así o aconsellan as autoridades sanitarias. 

Por outra banda incídese en que se sigan as recomendacións publicadas polo Servizo Galego de Saúde:

Cales son os síntomas da enfermidade provocada polo coronavirus?: Febre, tose e sensación de falta de aire.

Como debo actuar se noto estes síntomas e, ademais, estiven nunha zona de risco ou tiven contacto cun caso confirmado?: Non acudas ao centro de saúde nin ao hospital. Se os síntomas son leves ou queres ter máis información chama ao 900 400 116, indicaranche que debes facer para pasar con ben unha enfermidade que cursa dun xeito moi parecido a unha gripe.

E se me sinto realmente mal ou empeoro…?: Tampouco acudas a urxencias, chama directamente ao 061 para que un equipo  te atenda de inmediato e te traslade a un centro hospitalario garantindo que non se producen contaxios a outras persoas. 

Como poido protexerme dun contaxio?: Lava as mans con  fecuencia – Evita tocar os ollos, o nariz e a boca – Ao tusir, cubre a boca cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado – En caso de ter síntomas respiratorios, evita o contacto próximo con outras persoas.

Web do SERGAS
Folla informativa

 

 

 

 

 

Share.