O Concello resolve a adxudicación de 48.500 euros en axudas do PEL-Reactiva

0

Un total de 25 negocios de San Sadurniño poderán beneficiarse das axudas do programa PEL-Reactiva impulsado pola Deputación e o Concello. Esa é a cifra de solicitudes que cumpren cos requisitos e que, en conxunto, percibirán 48.500 euros con achegas que van desde os 1.500 até os 3.000 euros. Inicialmente a San Sadurniño correspondéronlle algo máis de 36.600 euros que o Concello complementou con outros case 12.000 para garantir que todas as peticións aceptadas poidan levar o importe máximo. A resolución notificaráselles hoxe individualmente ás empresas e persoas autónomas beneficiarias, que deberán presentar a xustificación das axudas a través da Sede Electrónica.  As persoas beneficiarias -e tamén aquelas ás que se lles denegou a axuda- teñen 10 días hábiles para presentar alegacións ou desistir das achegas. INFORMACIÓN ACTUALIZADA: O prazo para xustificar as axudas amplíase até o 12 de maio no caso dos concellos da Laracha, Ames, Carballo, Narón, Culleredo, Zas e San Sadurniño.

O PEL-Reactiva é unha liña de axudas dirixida ao tecido produtivo local que se vise afectado pola crise sanitaria durante o primeiro Estado de Alarma, ben porque tivesen que pechar, ben por terse acollido a ERTEs ou por ver reducida a súa facturación en máis dun 75% durante o segundo trimestre de 2020.

No caso de San Sadurniño recibíronse un total de 28 solicitudes das cales tres foron denegadas por non axustarse ás bases, unha delas presentada por un clube deportivo -as axudas van só para persoas autónomas e microempresas- e dúas achegadas por persoas que non teñen o domicilio fiscal no noso municipio.

As outras 25 que si se admitiron e que percibirán a axuda divídense en tres grupos dependendo dos motivos polos que se presentaron á convocatoria: 11 por causa de cesamento temporal da actividade,  4 por térselle reducido nun 75% a facturación e 10 por verse na obriga de adoptar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego a raíz do primeiro confinamento, decretado en marzo de 2020.

Para cada un destes supostos marcáronse unhas axudas máximas de entre 1.500 euros para persoas autónomas sen persoal a cargo que tivesen que pechar os seus negocios ou que visen reducida a facturación e de 2.500 se se trataba de microempresas ou persoas autónomas que tivesen xente empregada. Esta última cantidade sobe aos 3.000 euros no caso de que o persoal a cargo fose de entre 6 e 9 empregadas/os.

Dentro dos gastos que se poderán presentar como xustificación para percibir as axudas concedidas hai múltiples conceptos: compra de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza, instalación de mamparas de protección, gastos de alugueiro de locais, arrendamentos de maquinaria e vehículos, seguros de responsabilidade civil e tamén outros gastos fixos que se soportasen durante a crise, como son a luz, gas, a subministración de auga ou os combustibles.

Débese ter en conta que a subvención non cubrirá o ive (só se sumarán as bases impoñibles dos gastos). Tamén é moi importante ter en consideración que as axudas municipais serán compatibles coas convocadas por outras administracións. Se se dese ese caso, o importe conxunto das subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o total do gasto efectuado.

O PEL-Reactiva é un programa de axudas financiado con fondos provinciais. A Deputación da Coruña deseñou as bases e o procedemento de solicitude e asignoulles fondos aos municipios segundo a dimensión do seu tecido produtivo. A San Sadurniño correspondéronlle 36.682,54 euros que, finalmente, o Concello complementou con outros 11.817 co obxectivo de que a partida dese para cubrir as achegas máximas das 25 solicitudes admitidas. Ademais hai un prazo de 10 días hábiles para que, de ser o caso, se desista da solicitude ou se presenten alegacións. Por outra banda, a Deputación ampliou até o 12 de maio o prazo para xustificar as subvencións (inicialmente remataba o 31 de marzo) no caso de San Sadurniño e de varios concellos máis.

Resolución provisional de concesión das axudas do PEL-Reactiva 

Share.