O Concello renova a colaboración co CF San Sadurniño

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do C.F. San Sadurniño, José Luís García, asinaron este mércores o acordo de colaboración entre o Concello e o clube de cara a financiar as actividades que desenvolve no ámbito do fútbol. O organismo municipal achegará 12.000 euros durante 2016 que a entidade deportiva destinará principalmente ao mantemento das escolas de fútbol. A contía é inferior á que o clube viña recibindo con anterioridade debido á redución dos custes de mantemento do campo da piscina trala súa conversión a herba artificial.

A través deste convenio, o Clube de Fútbol San Sadurniño recibirá a axuda en tres veces: 6.000 euros anticiparanse á entrada en vigor do convenio, outros 3.000 no mes de xullo e os 3.000 euros restantes a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos. A contía total distribuirase nos seguintes apartados subvencionables: 10.800 euros para monitoraxe da Escola Deportiva Municipal Fútbol e 1.200 para gastos de mantemento.

Neste sentido, o San Sadurniño comprométese a colaborar co Concello na organización de eventos relacionados co fútbol, a xestionar as escolas deportivas municipais deste deporte durante 9 meses e a manter en bo estado tanto o terreo de xogo como as instalacións dos dous campos que ten cedidos para o seu uso, o de Santa Mariña do Monte e o de Currás. A diferenza no convenio con respecto a anos anteriores reside, precisamente, no apartado de mantemento, posto que a transformación a céspede artificial do estadio da piscina supón tamén unha importante rebaixa nos custes de conservación.

A cesión abrangue a utilización das instalacións e pequenos traballos diarios, como a substitución de elementos de escasa entidade económica -material de adestramento, bancos, espellos, etc.-, mentres que aqueles investimentos e reparacións máis custosos serán asumidos polo Concello como propietario das instalacións. Porén, o acordo tamén introduce a posibilidade de que sexa o propio San Sadurniño quen xestione a publicidade estática do recinto, previa autorización da Concellaría de Deportes.

O C.F. San Sadurniño ten nestes momentos sete categorías, que suman máis dun cento de nenos e nenas no caso do fútbol base. Neles inclúese un equipo feminino disputando a liga comarcal de fútbol 8. O Sansa tamén conta cun equipo masculino absoluto na Segunda Autonómica.

Share.