O Concello remata o plan de reparacións incluído no POS+2020 e prepárase para licitar o de 2021

0

O programa de obras proposto por San Sadurniño de cara ao 2020 dentro do Plan Único de Concellos da Deputación contaba cun proxecto cifrado en algo máis de 44.000 euros para mellorar varias pistas en distintos puntos do municipio. O obxectivo destas intervencións, que finalizaron esta mesma semana, foi o de levar a cabo labores de conservación en camiños que dán servizo a lugares ou que conectan vías principais. O sumatorio de tramos reparados supón arredor de 2 quilómetros de distancia nos que se limparon cunetas, tapáronse baches e, finalmente, botouse un novo firme asfáltico. Con estas obras péchase o apartado viario do ano pasado sufragado con fondos provinciais. Agora toca iniciar as licitacións do POS+ deste ano (as do vídeo que ilustra esta nova), que ascenden a 198.000 euros máis 421.000 do Plan Complementario, neste último caso pendentes de que a Deputación da Coruña libere os fondos para poder executalas. Ademais, o consistorio tamén agarda asinar en breve un convenio a tres bandas con Moeche e a Deputación para aglomerar o eixo A Camba-A Ponte do Sur, que suporá outros 275.000 euros de investimento.

Do último proxecto que estaba pendente de executar do ano pasado fíxose cargo a empresa José No Mantiñán e Hijos S.L. tras presentar unha oferta de 38.720 euros, o que significa unha rebaixa de 6.000 euros con respecto ao prezo da licitación pública.

Os traballos centráronse nunha reparación de conservación por medio da limpeza das cunetas e o tapado de fochancas que logo se cubriron cunha nova capa de rodadura a base de grava e asfalto.

Todas as pistas encóntranse distribuídas polas parroquias de San Sadurniño, Santa Mariña e no lugar do Camiño Arriba, en Lamas. Máis en detalle, os camiños reparados foron o das Calvelas, en Santa Mariña do Monte, de 185 metros de longo, e outros catro localizados en Silvalonga, Cornide e preto do centro urbano: o que vai do Albeiro á estrada provincial DP-7603, de 465 metros; o camiño interior deste núcleo, de 340 metros de lonxitude; a pista que enlaza  o lavadoiro da Agra de Abaixo coa Pernuda (410 m.) e a reparación da vía que vai desde Cornide até a Bidueda, de 365 metros. Por último tamén se amañou o camiño do Freixo, no Camiño Arriba, que cobre 295 m. de distancia.

Máis obras con cargo aos fondos provinciais deste ano
Unha vez finalizadas as actuacións do Plan Único de Concellos 2020, agora chega o momento de iniciar os procesos de contratación das correspondentes a este 2021.  Os proxectos con financiamento comprometido –198.935€– están todos relacionados coa rede viaria. Un deles ocuparase da pavimentación en Portolamas, nos lugares da Curuxa de San Sadurniño e Igrexafeita e máis no Chao de San Cristovo; outro servirá para aglomerar entre a Longra e Riolimpo -Naraío-; un terceiro proxecto tamén botará aglomerado e construirá unha senda peonil desde A Torre á Sanguiñeira -Bardaos- e, por último, está previsto levar a cabo a renovación do firme de Lourido a Quintiá, o tramo intermedio que faltaba por licitar no eixo viario O Eirexado-Límite coa Capela, en Naraío.

Alén destes, o Concello tamén ten en carteira os proxectos do chamado Plan Complementario, que sairán adiante no caso de que a Deputación achegue fondos para executalos, sexan todos eles ou só unha parte. Son cinco: o aglomerado Riolimpo-O Castelo, A Fraguela-O Castelo e desde a AC-125 até A Fraguela pasando por Vilarxá (Naraío); a merca dun tractor para efectuar rozas e a mellora da envolvente da Casa da Cultura. O sumatorio total ascende a 421.303 euros.

Ademais, á marxe do POS+, o Concello de San Sadurniño ten previsto solicitarlle á Deputación, en colaboración con Moeche, unha subvención nominativa para aglomerar o eixo viario que une A Camba (Ferreira) co lugar da Ponte do Sur (San Xurxo), cun custe total de 275.000 euros. A Deputación asumiría o 80% e os municipios o 20% restante a partes iguais.

Share.