O Concello recolle as solicitudes de tratamento para a avespiña e o cancro do castiñeiro

0

A Xunta de Galicia acaba de iniciar un proceso de loita contra as pragas do castiñeiro. Por unha banda vai actuar sobre a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), que afecta sobre todo ás follas destas árbores, mediante a solta controlada de parasitos desta especie de insecto. Dado que xa se detectou a súa presenza no noso concello, San Sadurniño está incluído neses tratamento experimental que a Xunta vai poñer en marcha de cara a controlar a praga. Ademais, Medio Rural tamén comezou un programa de control e erradicación do cancro do castiñeiro. Para participar en calquera destas dous plans autonómicos só hai que chamar ao 981 490 027 indicando os datos das parcelas.

O cancro do castiñeiro leva anos entre nós, aínda que a súa incidencia sempre foi maior nas zonas castañeiras do leste e surleste de Galicia, onde saben ben do mal que lle pode facer aos soutos. O cancro ou “chancro” non é unha enfermidade en si, senón o resultado da acción do fungo Cryphonectria parasitica, que accede á árbore por regañas ou feridas que teña na súa cortiza.

Para evitar o seu avance deben tomarse medidas profilácticas: desinfectar ben a ferramenta que se use nas podas de formación, selar ben os cortes cunha pasta cicatrizante, eliminar pólas onde se detectase o fungo, logo queimalas nun lugar afastado e despois volver desinfectar o material usado na operación antes de tocarlle con el a un castiñeiro san. 

A enfermidade -que esgana literalmente a árbore- parecía imposible de frear, ata que hai algo máis dunha década se descubriu que podía inocularse unha especie de virus nas zonas afectadas co obxectivo de confinar o fungo ata matalo, conseguindo ademais a cicatrización das feridas.

Aquelas persoas que teñan castiñeiros afectados polo cancro poden solicitar que a Xunta lles aplique este tratamento. Para facelo deben poñerse en contacto co Concello, presencialmente, por teléfono (981490027) ou no correo electrónico correo@sansadurnino.gal, e indicar o seu nome, DNI, teléfono de contacto, parroquia e número de polígono e de parcela onde se sitúan os castiñeiros co cancro. O procedemento é o mesmo no caso daquelas plantacións onde se atopasen bugallas provocadas pola avespiña do castiñeiro, onde será necesario facer soltas doutro insecto que as parasita, o Torymus sinensis.

Tanto para uns casos como para os outros -ou para a coincidencia nunha mesma parcela das dúas pragas- o Concello recollerá a información e enviaralla á Consellaría do Medio Rural para que contacten coas persoas con plantas afectadas de cara a aplicar os tratamentos correspondentes.

Share.