O Concello promoverá xuntanzas coa veciñanza para informar sobre os proxectos eólicos que lle afectan ao territorio

0

Pouco a pouco vai saíndo á luz o mapa con todos os proxectos eólicos que están en distintas fases da súa tramitación e que, dun xeito ou doutro, lle afectarían ao territorio de San Sadurniño no caso de iren adiante. Neste momento fálase de sete parques nos municipios da contorna e hai constancia documental pública de polo menos tres deles: dous situados no límite con Moeche que, ao parecer, só terían incidencia para nós con liñas de evacuación e, o terceiro -publicado hai tan só uns días- compartido polos territorios de Neda, Fene, Cabanas e San Sadurniño, no que se contempla instalar cinco aeroxeradores de grandes dimensións en Naraío: na Louseira, no Gandarón, na zona da Penamoura e tamén nas proximidades do Pedrido, preto da Penavidreira.  Tanto este como os outros proxectos son todos superiores aos 50 MW de potencia, razón pola que o trámite é competencia do Estado e razón tamén pola que atopar información sobre eles entraña certa dificultade, incluso para o Concello, quen por agora non tivo comunicación oficial nin da Xunta nin do Goberno do Estado ao respecto de ningún dos proxectos. En calquera caso, neste momento estanse analizando os documentos dispoñibles -os mesmos que hai na rede- co obxectivo de convocar en breve xuntanzas coa veciñanza nas que informar do alcance dos proxectos e as súas implicacións. En espera de ter máis datos -e de que vaia publicándose a documentación dos proxectos que faltan-, desde o Concello aconséllase non atender ofertas anticipadas por ocupacións de terreos, e moito menos se non se conta con asesoramento axeitado. 

Os planos que hai publicados en internet son do parque Nordés -promovido por Greenalia Green Power- e o do Parque Eólico Carbeira, da portuguesa EDP Renováveis, que tocan en ambos casos os territorios de Valdoviño, San Sadurniño (a zona de Bardaos), Cerdido e Moeche. Ademais destes dous, que se solapan un sobre o outro, na rede tamén se atopan os títulos -só o nome, sen máis- doutro parque máis en Moeche -P.E. Moeche, deseñado por Energías Renovables del Noroeste SLU- e os dos proxectos P.E. das Loibas e Ulfe-Ventureiro (Iberdrola Renovables Galicia SL.) dos que se descoñece ata que punto poderían afectarnos.

Aínda habería outro máis que pretende impulsar a empresa pública italiana  ENEL -propietaria de ENDESA-  que ocuparía boa parte de Moeche chegando incluso á zona leste de San Sadurniño. Deste tampouco é posible obter en internet nin dimensións nin cartografía que permita saber como se pretenden distribuír os muíños polo territorio ou o seu estado de tramitación estatal.

Esta mesma empresa é a promotora do proxecto “Parque Eólico Caaveiro”, de 78 MW de potencia, asentado sobre o mapa en territorio de Neda, Fene, Cabanas e San Sadurniño. Os datos concretos do seu deseño e as afeccións ambientais e sobre o patrimonio están publicados desde hai dous días na web do Ministerio da Presidencia -os outros dous que hai publicados están na do Ministerio de Transición Ecolóxica- como un anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia mediante o que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa.

Na documentación descríbese a instalación de dúas torres de medición  e de 15 muíños -un deles de reserva- con alturas comprendidas entre os 135 e os case 200 metros desde o chan até a punto máis elevado da pá. Destes últimos, os máis grandes de todos, habería un total de cinco rodeando parte de Naraío: un na Louseira -preto da Cortella-, outro no bico do Gandarón -a algo máis de medio quilómetro monte arriba desde o Eirexado-, o terceiro nas entremedias da Fontela e a Penamoura, o cuarto tamén na Penamoura pero ao outro lado da AG-64 baixando cara a San Sadurniño e, o quinto, situado nas proximidades do Pedrido, preto da rotonda da Penavidreira e a pouco máis de 300 metros do lugar das Cancelas.

“Visto nos planos, que puidemos descargar hoxe pola mañá,  este parque tería un impacto importante na paisaxe. Son muíños máis do dobre de grandes que os do Forgoselo e que se encontran nalgúns casos relativamente preto das vivendas, sen contar a apertura de pistas e outras afeccións”, comenta Secundino García.

O rexedor sinala que nestes momentos o Concello está facendo acopio de toda a documentación dispoñible “que non é doada de atopar, dado o escurantismo co que se está levando a cabo a preparación do despregamento eólico en Galicia. A información publícase aquí e acolá, non está claro en que momento da tramitación están os proxectos nin se se pode alegar algo ou non, é case imposible acceder aos planos e por parte da Xunta e do Estado non se nos está facilitando información de primeira man para poderlla trasladar á veciñanza”, lamenta García.

A intención municipal é xuntar toda a información dispoñible sobre os proxectos que lle afectarían principalmente ás zonas do norte e do sur do territorio e convocar “o antes posible” xuntanzas informativas coa veciñanza, ás que se convidaría ás empresas promotoras “para que expliquen o que pretenden facer” e a organismos e entidades independentes, como por exemplo o Observatorio Eólico de Galicia -integrado pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto- “que coñecen ben o sector e as estratexias que utilizan as enerxéticas para asentarse no territorio co menor custe posible para elas”.

“Fai falla -prosegue Secundino García- que o Concello dispoña da máxima información para poder defender o interese xeral do territorio, e tamén fai falla que as veciñas e veciños coñezan á perfección os proxectos e os prazos para poder defender os seus propios dereitos e intereses. A eólica é unha enerxía limpa, pero ten unha incidencia na paisaxe e na vida das persoas que se debe analizar con moito coidado e adoptar unha postura en consecuencia”.

En espera de que se vaian coñecendo os pormenores dos proxectos “e cun ollo posto nos prazos de exposición pública”, desde o Concello recoméndase non suscribir contratos de venda ou alugueiro con ningunha promotora. “Disque as empresas xa están empezando a moverse polo territorio para identificar titulares de parcelas. Ao seu favor xoga a falla de información existente, e por iso o máis prudente é non asinar nada mentres non se saiba o alcance dos proxectos”.

Share.