O Concello preséntalles ás entidades os borradores das liñas de axuda para Cultura e Deportes

0

O Consello de Participación veciñal celebrou na tarde deste mércores unha xuntanza na que se someteron á valoración das entidades do Concello e da representación dos tres grupos municipais os borradores das convocatorias de axudas para Cultura e Deportes de 2018. Increméntase a cantidade en ambos apartados, quedando en 20.000 euros os fondos dispoñibles para asociacións e en 6.000 os que se distribuirán entre os clubes cos que non existe convenio. O articulado das bases tamén se verá modificado e, se ben os cambios na liña cultural  foron ratificados no propio Consello, no caso da liña deportiva estudaranse fórmulas alternativas para os criterios de reparto que se tratarán nunha próxima asemblea. 

Alén do incremento da dotación orzamentaria, en Cultura os dous únicos cambios introducidos na proposta de bases atenden ás condicións para a xustificación dos gastos. Así, na convocatoria de axudas de 2018 será necesario que as facturas superiores aos 100 euros veñan acompañadas do xustificante da correspondente transferencia bancaria. Ademais, as bases excluirán a posibilidade de xustificar como gastos os custes de transporte asociados ás actividades.

No debate sobre as bases polas que se rexerán as axudas destinadas ás entidades deportivas, o Club Oitomil Ocio e Aventura solicitou a revisión dos criterios no sentido de que as fichas federativas non tivesen tanto peso nas valoracións, algo que lles abriría a posibilidade de obter  máis recursos a  clubes que, coma este, desenvolven actividades relacionadas coa actividade física á marxe de federacións. O compromiso municipal foi o de estudar unha fórmula que, en calquera caso, atenda a datos  que permitan avaliar de forma obxectiva as solicitudes. Neste sentido convidouse tanto a Oitomil como a outras entidades -e tamén aos partidos con representación municipal- a que acheguen propostas de valoración alternativas que se poidan consensuar nunha próxima xuntanza do Consello de Participación veciñal.

Así, as bases das subvencións para Deportes quedaron enriba da mesa á espera de que o Consello volva reunirse nunha convocatoria á que, en principio, só asistirían as entidades deportivas e clubes do municipio. Ademais desta cuestión, o articulado para 2018 tamén incorpora o requisito de xustificar cos documentos de transferencia ou de ingreso bancario aqueles gastos que superen os 100 euros, ademais de poder incluír nesa xustificación o importe de seguros.

Por outra banda tamén se propón variar a puntuación en materia de igualdade de xénero de maneira que se deixe de primar exclusivamente a presenza de mulleres en relación coa porcentaxe de cargos de dirección ou de practicantes en cada disciplina. A idea é potenciar unha igualdade real por medio do equilibrio, de maneira que non só se favoreza a participación feminina en actividades onde os homes son máis numerosos, senón tamén promover unha maior integración masculina nas actividades practicadas maiormente por mulleres. A valoración técnica deste aspecto -que supón o 20% da cuantificación das axudas- utilizaría como referencia o último informe oficial do Consello Superior de Deportes onde se reflicten os números e porcentaxes de licenzas masculinas/femininas en cada disciplina. Tomando como base esa realidade, as bases prevén darlles maior puntuación aos clubes que contribúan a rebaixar a fenda de xénero, xa sexa das mulleres con respecto dos homes ou dos homes con respecto das mulleres.

Outros temas tratados no Consello
Canda estas cuestións principais, o goberno local tamén informou da recente aprobación inicial dos orzamentos municipais que, previsiblemente, entrarán en vigor a principios de ano. Unha circunstancia que tamén permitiría adiantar a convocatoria das axudas para o tecido asociativo do territorio. A contía total para Cultura fixouse en 20.000 euros, mentres que a liña de concorrencia competitiva de deportes chegará aos 6.000 €, que se suman aos 38.200 que se destinarán a convenios co Aldebarán, co CF San Sadurniño, co club Biela e Chaveta, coa ANPA do CPI, coa Asociación da Froita Autóctona, coa delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e coa Asociación Agroecolóxica A Cortiña.

A xuntanza do Consello tamén serviu para falar do programa de descentralización cultural a través do que o Concello leva actuacións musicais e escénicas ás distintas parroquias. O acordo ao que se chegou é o de que as entidades e o consistorio manteñan unha comunicación máis fluída de cara á elección dos espectáculos e, posteriormente, tamén á hora de programalos coincidindo con actividades organizadas por cada entidade.

Share.