O Concello pechou 2017 con máis dun millón de euros en remanentes de tesouraría

0

Este sábado celebrarase a partir das 11.30h. a sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de setembro. Vanse tratar oito puntos e na súa maioría trátase de asuntos para dación de conta á Corporación sobre resolucións da alcaldía. Entre eles destaca a correspondente á aprobación da liquidación do orzamento do ano pasado que, segundo o informe da Intervención muncipal,  apunta a un resultado positivo por importe de 371.376,25 euros, un total de 841.619,95 euros en fondos líquidos e uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 1.053.271,76 euros. Con estes datos económicos o Concello pode incorporar máis fondos ao orzamento deste ano para facer novos investimentos. E iso é o que recolle, precisamente, outro dos puntos da orde do día, no que se debaterá unha modificación que incremente as contas de 2018 con cerca de 140.000 euros procedentes do peche positivo de 2017, coa finalidade de executar cinco grandes proxectos relacionados coa mellora viaria, o patrimonio, a mellora de equipamentos e a eficiencia enerxética.

Antes de entrar no debate sobre a modificación será necesario que a Corporación lle dea o visto e prace á urxencia do punto, que recolle tanto o importe en que medrará o orzamento deste ano como o detalle e a cuantificación dos cinco proxectos.

Así, 37.750 euros irían parar á parte que achegará o Concello á terceira fase de posta en valor do castelo de Naraío financiada con 151.000 euros pola Deputación da Coruña e con participación tamén da Xunta, que se encarga da redacción do proxecto da intervención. As obras consistirán no remate da consolidación da fortaleza, no seu acondicionamento para ser visitable con total seguridade e na sinalización que permita interpretar todo o conxunto medieval.

Por outra banda, o Concello tamén quere destinar 26.445 euros á área deportiva e recreativa dos Currás co obxectivo de acondicionar a zona de aparcadoiro e os accesos ás instalacións.

Unha contía moi parecida -26.754 euros- reservaríase para levar a cabo un proxecto de mellora da eficiencia enerxética nos alumeados do entorno do Convento do Rosario, da casa consistorial e dos xardíns municipais. Xustifícase esta actuación na necesidade de continuar rebaixando o gasto corrente municipal, habida conta de que, malia pechar 2017 en positivo e con importantes recursos económicos tanto líquidos como en forma de remanentes que permiten afrontar novos proxectos, o Concello terá que acometer un plan de contención que garanta o cumprimento das fórmulas marcadas polo Estado en canto a estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.

Os dous últimos proxectos que se acollerán á modificación orzamentaria nutrida co remanente para gastos xerais refírense a obras viarias. 24.449 euros irán parar á construción de dúas escolleiras de contención nos lugares do Pico -Naraío- e da Ribeira -en Igrexafeita-, ademais de utilizarse para outras pequenas obras de mellora da seguridade en estradas municipais.  Outros 23.764 euros corresponden ao arranxo dunha pista en Cornide e outra que une os lugares do Cancelo, Vilaverde e Brame, en Lamas.  Este último é un proxecto que debería estar feito xa o ano pasado. Porén, o incumprimento da empresa adxudicataria dos seus compromisos levará agora ao Concello a iniciar o proceso de rescisión do contrato e a volver licitar uns traballos que non se chegaron a facer. Ese é o motivo de que o importe reservado para a obra se traslade ao orzamento deste ano mediante a modificación de créditos,  coa finalidade de comezar o antes posible co expediente de contratación e tela rematada, se é posible, antes da chegada do inverno.

Outros asuntos
O debate e aprobación, se procede, do expediente de incorporación de fondos ao presente orzamento é o punto de maior trascendencia dunha sesión que, ao ser ordinaria, tamén contempla as quendas de mocións urxentes, rogos e preguntas. No seu transcurso tamén se someterá a votación a modificación do regulamento de identidade visual municipal, que só prevé a actualización dos logotipos corporativos para incorporar o dominio .gal.

 

Share.