O Concello organiza unha festa infantil para darlles a benvida aos Reis Magos

0

Os nenos e nenas de San Sadurniño contan as horas, os minutos e incluso os segundos agardando a chegada dos Reis Magos do Oriente. Seguro que en moitas casas con criaturas xa hai días que se nota a emoción contida dunha espera que para elas se fai eterna coa incertidume engadida de se os reis atenderán ou non todo o que se lles puxo na carta. A noite do 5 ao 6 de xaneiro segue mantendo o cetro de momento máis máxico do ano no imaxinario infantil, alimentado sen dúbida polas visitas reais que se multiplican en toda a volta con tamén máxica sincronía. Por San Sadurniño as SS.MM. pasarán en forma visible este xoves a iso das 19.30h e recibirán aos nenos e nenas no ximnasio do CPI. Porén, desde as 17.30h., o recinto acollerá unha chea de actividades lúdicas pensadas para a rapazada.

A Concellaría de Cultura encargoulle a animación da tarde a La Guagua, que instalará no recinto cuberto do centro de secundaria un grande castelo inchable -maior que o do ano pasado- e unha cama elástica, ademais de ofrecerlles aos nenos e nenas un obradoiro de construción de monicreques que despois poderán levar para a casa.

Todo é unha estratexia deseñada polos propios Reis Magos. Coñecedores como son da natureza infantil foron eles quen dixeron de organizar unha tarde en que os nenos e nenas disfruten xogando e queimando toda a enerxía posible para que despois, co corpo baldado e a ilusión intacta, adormezan máis cedo do habitual. Deste xeito os Reis terán algún tempo a maiores para andar todas as casas que deben visitar antes do amencer. Téñeno todo pensado.

Con todo, antes do percorrido máxico da noite, as SS.MM. pararán na festa infantil de San Sadurniño. Será sobre as 19.30h. e con dous obxectivos tamén ben claros: dunha banda desmentir en persoa os rumores que circulan por aí negando a súa existencia e, doutra, corroborar que as criaturas foron boas durante o último ano, cousa que poden saber intercambiando con elas unhas palabras e mirándolles aos ollos.

Porque os Reis, ademais de magos, tamén son seres aos que ninguén lles pode coar unha trola. Os nenos e nenas sábeno e por iso miden moito as súas palabras cando están en presenza real. Por iso e porque os Reis de cerca impresionan, con esas túnicas tan coloridas…, eses aneis…, esas barbas…., ese porte seu… De aí que a maioría deles e delas vaian ao seguro dándolles respostas monosilábicas afirmativas ou negativas, sen estenderse en moitas explicacións. O único que escapa do guión habitual son as peticións de última hora que non se escribiron na carta ou incluso a entrega de sobres que xa deberían estar en correos hai días. Pero a ver quen lle explica á rapazada que os reis, co máxicos que son, non van ter tempo de ler o listado antes de pasar pola casa.

Como detalle final cómpre lembrar que Melchor, Gaspar e Baltasar lle darán a cada neno e nena unha boa presada de caramelos aptos para persoas con celiaquía e tamén para persoas con diabetes.

 

Share.