O Concello licita os contratos de limpeza de edificios e de conservación de espazos verdes

0

O Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño publicou hai uns días os pregos correspondentes á licitación dos contratos para a limpeza das dependencias municipais e para o mantemento das zonas verdes. Malia coincidir na data de convocatoria trátase de dúas licitacións separadas e con finalidades distintas. Nun caso a empresa adxudicataria deberá asumir a limpeza dos edificios propiedade do Concello e no outro a conservación de xardíns, espazos verdes, áreas de lecer e mesmo a do arboredo de especies autóctonas. Distintos son tamén os prezos de saída dos contratos: 65.340€ no caso da licitación do servizo de limpeza e 53.690 no caso do mantemento de zonas verdes. Tanto nun coma noutro a vixencia inicial sería de dous anos prorrogables a outros dous  máis.

Contando esas prórrogas o contrato da limpeza tería un valor estimado -sen ive- de 108.000 euros, mentres que o relativo á xardinaría se situaría nos 84.830,20 euros. As empresas deberán presentar as súas ofertas asumindo  os custes de persoal e do equipamento necesario para a prestación dos servizos contratados polo Concello.

Se falamos do mantemento das zonas verdes, os pregos apuntan nun dos seus anexos á obriga de atender ata 60 enclaves repartidos por todo o territorio municipal. Entre eles os xardíns do pazo, o arboredo das ribeiras do Xubia, as áreas de descanso propiedade do Concello, as áreas recreativas e lavadoiros repartidos polas parroquias, o contorno dos locais sociais e incluso o repaso das tres rutas de sendeirismo deseñadas pola área de Turismo: o percorrido circular do paseo fluvial, a ruta do río Castro e a do Aceiteiro.

A documentación técnica describe os tipos de traballos que se deberán levar adiante en cada un dos lugares e o número mínimo de intervencións ao longo do ano, xa que nuns casos só será necesario facer rozas -como por exemplo nas rutas, con dúas limpezas no ano- mentres que noutros o traballo consistirá en segas, podas e reposición de plantas marradas, que esixirán unha atención máis frecuente e coidadosa. Así, está estipulado que os xardíns do Concello e a súa contorna se repasarán, como mínimo, 8 veces no ano ou que a maior parte das áreas recreativas se preparen cada dous ou tres meses.

O outro contrato, o relativo á limpeza de edificios municipais, tamén marca os lugares nos que a empresa adxudicataria se deberá de centrar, que son a Casa do Concello, as áreas comúns do Centro Municipal de Empresas, a Casa da Cultura, a Casa da Xuventude, o pavillón polideportivo e o ximnasio municipal.

Para preparar os pregos o Concello calculou que a limpeza de todas estas instalacións precisa  de alomenos 2.178 horas de traballo anuais, que se poderán incrementar nas ofertas para casos de necesidades excepcionais. Igual que ocorría cos pregos do mantemento de zonas verdes, aquí tamén se establecen distintos tempos, xa que a limpeza da sede consistorial suporá un mínimo de 3 horas diarias mentres que, por exemplo, se considera suficiente cunha hora de servizo diario para a limpeza dos espazos comúns do Centro Municipal de Empresas.

Como queira que sexa, os pregos destes dous contratos están dispoñibles no Perfil de Contratante do Concello. En ambos casos o prazo para presentar as propostas finaliza o día 8 de marzo ás 14.00h. se se presenta polo rexistro municipal ou ás 23.59h. se se elixe a sede electrónica ou o correo postal para enviar a documentación.

Share.