O Concello finaliza a urbanización do Enxerto

0

O camiño do Enxerto, a estrada que une o Campo da Feira  coa AC-862, está practicamente listo despois de varios meses de obras de urbanización en todo o trazado. Ao longo dunha distancia próxima aos 900 metros instaláronse infraestruturas soterradas, construíronse beirarrúas e, finalmente, esta mesma semana botouse unha nova capa de aglomerado. Só falta a sinalización horizontal e pulir pequenos detalles para dar por rematado un proxecto valorado en 125.000 euros que se financiaron a través dun convenio coa Deputación suscrito a finais do ano pasado. A obra enmárcase nun programa plurianual de reurbanización integral do centro urbano que continuará en 2018 coa transformación de toda a Avenida Marqués de Figueroa e a apertura dunha nova rúa que unirá o pavillón municipal co Centro de Saúde e mailo Convento do Rosario. Estas dúas actuacións están cuantificadas en máis de 396.000 euros.

Os traballos no Enxerto comezaron en setembro e consistiron, en primeiro lugar, nunha limpeza en profundidade do firme e das cunetas, onde despois se instalaron novas tubaxes de drenaxe da auga da choiva. O seguinte paso -e tamén o que máis tempo levou- foi o da construción de 865 metros de beirarrúas, na súa maior parte pola marxe esquerda desta pista que vai desde a Capela de Belén ata o Outeiro.

As obras de urbanización finalizaron cun novo pavimento de aglomerado asfáltico que se botou esta mesma semana e co que, ademais, se lle deu a todo o traxecto un ancho medio de 4,7m. O alcalde, Secundino García, sinalou que, unha vez rematada a obra, o Concello sopesa incrementar a seguridade da estrada instalando proteccións laterais no tramo de curvas próximo ao Outeiro, onde hai unha importante diferenza de nivel entre a calzada e as leiras colindantes.

As obras licitáronse mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios en  125.711,93€, ive incluído. O Concello recibiu 14 propostas técnicas e económicas doutras tantas empresas do sector que operan habitualmente na comarca. A máis vantaxosa foi, segundo as resolucións da mesa de contratación, a presentada por Saaveda y López S.L.,  cun prezo final de 124.993 euros. O 80% dos custes totais serán asumidos pola Deputación da Coruña en virtude dun convenio suscrito entre ambas institucións a finais do ano pasado.

Desde a área municipal de Obras sinálase que nestes días se completarán os traballos co pintado do firme e o repaso das arquetas que recollen a auga da escorrentía, coa intención de poder certificar a obra antes do remate do ano.

O novo enlace entre o Campo da Feira e a estrada de Ortigueira é, de feito, a primeira fase dun ambicioso programa de reurbanización do centro urbano de San Sadurniño que contempla renovar por completo a Avenida Marqués de Figueroa en 2018. Esa renovación farase en dúas fases, unha cifrada en 66.000 euros que se financian co Plan Adicional aprobado recentemente pola Deputación da Coruña , e outra por valor de 240.000 euros incluída no POS+ Plan Único de Concellos 2018.

A combinación de ambas fases dará como resultado o cambio das beirarrúas entre a confluencia de Marqués de Figueroa coa AC-862 (xusto diante da Casa do Concello) e o Campo da Feira, onde remata a avenida e se cruzan as estradas provinciais que van a Santa Mariña e a Lamas. Ademais de renovar as beirarrúas tamén está proxectado renovar as infraestruturas soterradas, plantar árbores e botar unha nova capa de firme aglomerado con pasos peonís sobreelevados. A idea do Concello tamén é aproveitar a obra para preparar o contorno da Capela de Belén ao tempo que se pon orde no cruzamento de camiños que hai ao seu carón.

Cómpre lembrar, ademais, que no POS+ tamén se incluíu a construción da rúa que unirá o colexio público e o Pavillón municipal co Convento do Rosario, pasando por diante do cemiterio e do aparcadoiro do Centro de Saúde. A obra está cuantificada en 90.000 euros cos que se executarán algo máis de 140 metros de aglomerado, ademais de beirarrúas e canalizacións de augas pluviais e fecais, cun ancho total de 10 metros.

Segundo o alcalde, esta intervención “facilitará a circulación do tráfico tanto no Centro de Saúde como no colexio, evitándolles aos autobuses do transporte escolar ter que facer complicadas manobras despois de deixar os nenos e nenas na escola”.

Porén, para o executivo local “o máis importante” é que con esta obra, a de Marqués de Figueroa e a do Enxerto executadas nun prazo relativamente curto “se transformará por completo o centro urbano de San Sadurniño”.

Aglomerado tamén en Santa Mariña

Ademais de finalizar a reurbanización do Enxerto, o Concello tamén ultimou estes días a reparación da estrada que une Castrelo coa Golpilleira, en Santa Mariña do Monte. Son case 1,7 quilómetros de pista que se renovaron por completo con aglomerado.

En Santa Mariña tamén se aglomerou a pista que une Castrelo coa Golpilleira (1,7 Km.)

En Santa Mariña tamén se aglomerou a pista que une Castrelo coa Golpilleira (1,7 Km.)

A obra responde a unha demanda exposta pola veciñanza nas asembleas do Orzamento participativo e incluiuse no plan bianual de mellora de camiños municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Este organismo da Xunta que xestiona fondos procedentes da Unión Europea achegou 64.000 euros, mentres que os outros 13.000 ata completar un custe total de 77.000 euros serán sufragados polo Concello.

O remate dos traballos coincide, ademais, coa finalización das sendas peonís executadas pola Deputación ao longo da DP-7603, unha en Silvalonga e outra tamén en Santa Mariña, por valor de 125.150,30 €.

Share.