O Concello felicitaranos o Nadal e o Aninovo cun almanaque moi especial

0

Estamos a escasas dúas semanas do empezo das últimas e se cadra máis sentidas festas do ano. O centro de San Sadurniño engalanouse cun pequeno toque de luz, o Concello preparou unha completa programación que iremos debullando nos próximos días e este ano por primeira vez tamén editou un almanaque para 2020 un tanto especial xa que nel, ademais dos días e meses, veremos unha imaxe distinta do noso territorio. E é que o calendario está ilustrado cunha ducia de fotos que dun xeito ou doutro reflicten o día a día de San Sadurniño desde o punto de vista da paisaxe, das actividades ou da tradición. O Concello fixo unha tirada de 500 exemplares que se distribuirán entre o tecido social e comercial. Tamén quedarán copias no rexistro municipal e na Casa da Cultura para que calquera poida recollelas ata esgotar existencias.

O almanaque é unha iniciativa da Concellaría de Cultura. A titular da área, Amparo Calvo, tivo a idea de preparar un calendario que mostrase San Sadurniño “dunha maneira distinta” ao que cabería agardar neste tipo de obras que sempre ven a luz neste momento do ano. De feito, e salvo excepcións, os almanaques ilústranse cunha única imaxe ou levan unha colección que atende a unha visión o máis atractiva da paisaxe.

Porén, o de San Sadurniño racha con esa tradición non escrita para mostrar o municipio cunha combinación de espazos físicos -paisaxes, recunchos, detalles de patrimonio- con momentos humanos roubados en actividades municipais e incluso en festas parroquiais. Iso si, todas elas imaxes captadas nos meses aos que fan referencia e acompañadas dun título e un texto que reforzan o seu contido sen resumir necesariamente o que se está vendo.

A concelleira sinala que para a escolla das doce imaxes finais “revisáronse máis dun milleiro de fotos do arquivo de Comunicación” e que, tras esa primeira escolma, as candidatas a formar parte do almanaque quedaron reducidas a arredor de medio cento. Finalmente elixíronse as 12 finais máis unha portada. Amparo indica que as fotografías “non son as máis espectaculares” xa que o que se buscaba eran imaxes que transmitisen “un San Sadurniño real, fermoso, humano, vivo, sustentable, comprometido coa igualdade… construído día a día a base de pequenos momentos”.

Cultura fixo unha tirada de 500 exemplares deste almanaque, que ten a estrutura clásica de media folla para foto e media para calendarios mensuais, ademais dunha última páxina para notas. As páxinas non veñen troqueladas para recortalas, posto que se trata dunha obra “que seguramente moita xente queira gardar de recordo así que acabe o 2020”.

O Concello distribuirá 100 exemplares entre as asociacións, locais de hostalaría e comercios de todo o municipio. Tamén deixou 400 copias no mostrador do Rexistro Municipal e na Casa da Cultura para que calquera poida levar unha completamente de balde. E así que se acaben, acabáronse.

 

 

Share.