O Concello encarga a reparación das pistas da Fraga a Igrexafeita e de Cabanela a Sabanda

0

A Mesa de Contratación do Concello propuxo hai escasos días a adxudicación dun proxecto de obra para dous tramos da rede viaria municipal, un que une lugares de Ferreira e Igrexafeita e outro que se desenvolverá integramente en Santa Mariña do Monte. Trala revisión das ofertas técnicas e económicas, e unha vez que se completen os trámites administrativos, a empresa Asfalgal Técnicas Viarias encargarase dos traballos por un prezo de 52.820,16 euros. Consistirán no aglomerado da pista que vai desde o lugar da Fraga -en Ferreira- ata o cruzamento coa antiga estrada das Pontes, en Igrexafeita, pero tamén na reparación do tramo que enlaza en Santa Mariña do Monte os lugares de Cabanela, A Fraga e Sabanda.

As dúas obras que agora se acaban de adxudicar provisionalmente levan tempo previstas. De feito xa foran obxecto dun contrato anterior que o Concello tivo que cancelar ante o incumprimento dos prazos e das condicións por parte da empresa á que se lle encomendaran as tarefas. Unha vez completado o trámite de resolución do acordo, a Administración local reiniciou o expediente de contratación que, finalmente, se licitou a primeiros de decembro por procedemento aberto simplificado ao que concorreron tres empresas.

O proxecto técnico ten dúas partes ben diferenzadas. Dunha banda recolle o aglomerado de case 1,8 quilómetros de pista desde o lugar da Fraga -en Ferreira- ata a Penalonga, en Igrexafeita, onde conectará coa AC-861. Na práctica vén ser a continuación doutra obra executada recentemente coa que se reparou utilizando o mesmo tipo de firme o tramo comprendido entre Os Pontigos e A Fraga, en Ferreira, de maneira que se completará a reparación dun trazado total superior aos 3 quilómetros de distancia.

A pista da Fraga á Penalonga continuará o tramo xa aglomerado desde os Pontigos

A pista da Fraga á Penalonga continuará o tramo xa aglomerado desde os Pontigos

Por outra banda, as obras previstas tamén se centrarán noutros 1,7 Km comprendidos entre os lugares de Cabanela e Sabanda pasando pola Fraga. Alí optouse por unha reparación dos baches seguida de varias regas asfálticas cubertas con gravilla. Porén, se imos ao mapa das previsións de obras para este ano atoparemos que esta intervención non é a única que se levará a cabo nesa zona. E é que con cargo ao POS+ 2018 hai outros dous proxectos.

O de maior envergadura define o aglomerado da pista entre A Veiga e Castrelo -pasando por Cabanela-, onde conectará coa estrada municipal que vén da Golpilleira, xa aglomerada desde 2017 cunha axuda da AGADER. Son case 2,8 quilómetros novos  financiados con cargo ao plan de aforro e investimentos provincial, onde tamén entra a conexión do lugar da Bañoca co límite de Moeche,por un importe global de 112.000 euros.

Outros 35.800 € do POS+ están reservados para a reparación dun camiño no Colado, a continuación da pista desde Sabanda ata a súa confluencia coa estrada provincial e o amaño doutro tramo próximo, no lugar do Espiñeiro.

 

 

 

Share.