O Concello emprestaralle equipamento a quen queira eliminar avespas velutinas de cerca da casa

0

O Concello acaba de mercar un equipo completo de eliminación de niños de avespas asiáticas composto por unha pértega incineradora e un traxe protector especial. A intención é que calquera persoa cun niño preto da casa poida solicitar os tarecos, levalos para a casa, facer o traballo de eliminación pola súa conta -e responsabilidade- e despois volvelos. A medida tómase ante as demoras que, segundo a área de Desenvolvemento local,  se están producindo no servizo de atención 012 da Xunta que, porén, segue sendo o primeiro sitio ao que hai que acudir para avisar da presenza de velutinas.

Durante o verán encontrámonos na etapa de maior actividade predadora das avespas asiáticas. Neste momento están construíndo os niños secundarios -e definitivos- e criando unha grande cantidade de larvas, que demandan proteína para se desenvolver. Por iso é a partir de agora cando máis ataques se producen ás colmeas e cando empezan a verse niños, algúns coma balóns de fútbol e incluso maiores. Destes xa apareceron varios en árbores, galpóns e mesmo en fachadas de vivendas. Un caso extremo padéceo estes días unha familia das Nabeiras, en Naraío, convivindo cunha colonia na parede da casa e outra medrando nun ribazo próximo mentres agardan a que a Xunta envíe quen os retire.

E é que nunha situación coma esta, o protocolo da Xunta de Galicia -organismo competente no control e erradicación da invasión- indica que debemos chamar ao número 012 para alertar da presenza de velutina de cara a que o veñan eliminar.  

Porén, segundo se sinala desde a área de Desenvolvemento local o protocolo “non está funcionando como debería”, xa que adoitan producirse retrasos de varios días e incluso semanas e, ademais, tampouco hai garantías de que os equipos enviados pola Xunta acaben finalmente co problema.

Ante esta situación, o Concello acaba de mercar unha pértega incineradora e un traxe de protección que están a disposición de calquera veciño ou veciña que, pola súa conta e baixo a súa responsabilidade, queira eliminar de preto da casa unha colonia de velutinas.

As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude na Casa da Cultura coa que obterán a cesión temporal deste material. Unha vez aceptada a solicitude entregaráselle o traxe a maila pértega, consistente nun conxunto de tubos lixeiros cun soprete no extremo semellante ao que se usa para chamuscar o porco na matanza. Tamén se entregará un pequeno manual coas recomendacións de uso.

O método é sinxelo e eficaz: se temos un niño nunha árbore da horta -o sistema non está pensado para a eliminación de colonias en zonas forestais ou con risco de incendio- teremos que esperar á noite para que todas as avespas estean gardadas. Despois armaremos os tramos da pértega que precisemos (mide ata 30 metros), conectarémola a unha bombona do butano e darémoslle lume forte e ininterrompido ao niño durante tres ou catro minutos, procurando que a chama se sitúe a escasos centímetros da boca pola que entran e saen as avespas.

A cousa non ten ciencia ningunha, pero si require tomar precaucións. Por iso a AGA Ferrolterra vai impartir unha charla informativa de carácter teórico-práctico destinada ás persoas que queiran aprender a manexar o dispositivo. A charla teórica será o sábado 29 de xullo ás 10.00h. na Casa da Xuventude. Ese mesmo día tamén se acordará a data para a sesión práctica.

Desde o Concello insístese, unha vez máis, en que se debe seguir o protocolo de actuación marcado pola Xunta: chamar ao teléfono 012 se vemos algún niño ou se o temos tan preto da casa que poidamos sufrir algún ataque.

Folla de solicitude da pértega e/ou o traxe

Ensaios no colmear didáctico
En relación coa loita contra as avespas asiáticas, a delegación de Ferrolterra da AGA está probando no colmear da Cortiña a efectividade dun dispositivo eléctrico de construción caseira. É unha especie de lira ou arpa de cables de aceiro moi finos montados sobre un bastidor de plástico. A estrutura mide aproximadamente 1×1 metros e está feita con tubo de pvc.

Esta protección vai colocada diante da entrada das colmeas e os cables teñen unha separación calculada para deixar pasar as abellas mentres que as velutinas, si ou si, sempre tocarán os fíos con algunha parte do corpo… quedando fritidas ao momento.

A lira funciona igual que os aparellos matamoscas eléctricos que podemos ver nas carnicerías e tendas de alimentación. Neste caso a corrente obtense de paneis solares. Porén, con moi poucos cartso e con case nulos coñecementos de electrónica calquera pode construír un dispositivo idéntico ou que se poida enchufar á rede. De feito, se alguén quere probar pode contactar coa dagaferrol@hotmail.com para que lle envíen un tutorial paso a paso en pdf.

O dispositivo eléctrico leva varias semanas instalado na Cortiña e, segundo parece, con resultados moi satisfactorios. Tal e como comenta o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, “a arpa achicharrou unha chea de velutinas con só algunhas abellas como vítimas colaterais. É un sistema relativamente barato e que, tan pronto como estea perfeccionado, pode ser de grande axuda para protexer os colmeares e un bo complemento doutros métodos de loita contra as avespas asiáticas”.

Share.