O Concello e a asociación Cometa asinan un convenio para atender os cans abandonados

0

Secundino García e o presidente da asociación Cometa, Marcos Bermúdez, suscribiron na tarde deste venres o convenio mediante o que esta entidade e mailo Concello se comprometen a colaborar ao longo deste ano na xestión dos cans abandonados no término municipal. O acordo estipula que Cometa se fará cargo dos animais capturados polo Concello asumindo o seu coidado e alimentación ata que sexan recuperados, cedidos ou adoptados. O convenio prevé un custe máximo de 2.500 euros -150 euros por animal recollido-, aínda que tamén se recolle negociar este último importe en casos puntuais de exemplares enfermos ou preñados que requiran atención veterinaria. 

O convenio responde á necesidade de que o Concello asuma  responsabilidades no tocante á recollida de mascotas abandonadas “mentres non se clarexe o reparto de competencias e de medios” que, segundo parece, se definirán na lei de protección e benestar animal que está preparando a Xunta de Galicia e á que a administración local lle presentou varias alegacións.

De feito, segundo o encabezado o convenio, o Concello mesmo entende que a Lei 27/2013 de recionalización e sostenibilidade da Administración local  deixaría esta cuestión no tellado competencial das comunidades autónomas e non no dos municipios. Porén, o problema está aí e, á espera da definición nidia sobre quen ten as competencias sobre del, “é preciso procurar unha solución á situación actual”.

Sen infraestrutura nin outros medios axeitados propios, o Concello optou por contactar coa asociación Cometa para recabar apoio na xestión das mascotas abandonadas, nomeadamento os cans e cadelas que aparecen a cada pouco polo territorio.

O acordo suscrito este venres entre o alcalde e o seu presidente, Marcos Bermúdez, establece as condicións desa colaboración, que pasaría porque a entidade atenda nas instalacións que ten en Doso os cans e cadelas capturados polo persoal municipal. Esa atención abrangue o coidado -alimentación, estadía nun recinto axeitado, etc.- e tamén o fomento da súa adopción ou de poñelos á disposición de quen se comprometa a regularizar a súa situación nun prazo mínimo de 20 días.  Ademais, Cometa deberá remitirlle ao Concello un certificado trimestral -xunto coa documentación acreditativa- do destino dado a cada animal capturado nese periodo.

O documento reflicte un prezo de 150 euros por cada can ou cadela atendida, a menos que se trate dun animal xestante ou que precise unha intervención veterinaria maior da básica que xa presta a asociación. Neses casos a entidade e mailo Concello negociarían puntualmente os importes. O tope do pagamento municipal para todo o convenio é de 2.500 euros -agás os casos puntuais- que se farán efectivos cada tres meses contra a presentación da certificación dos animais tratados.

Share.