O Concello destinará este ano 40.000 euros a bolsas escolares e axudas á conciliación

0

Para este mércores 3 de marzo ás 12.30h. hai convocado un pleno extraordinario que terá como temas principais a votación das bases para a concesión de bolsas escolares e axudas á conciliación na EIM A Rolada. Unha convocatoria que este ano incrementa o seu importe global até os 40.000 euros e que se poderá solicitar até o 15 de abril. Porén, na sesión tamén se agarda dárlle o visto e prace a unha primeira liña dirixida a entidades do municipio de cara a axudarlles cos gastos básicos e de funcionamento asumidos no último ano -subministracións, seguros, equipamento de adaptación ás medidas preventivas, etc.-, cunha dotación global de 3.000 euros, que se complementará máis adiante -trala xuntanza do Consello de Participación Veciñal- coa convocatoria anual de axudas para actividades e investimentos que desenvolvan durante este exercicio os colectivos sociais, culturais e deportivos do municipio que non conten con convenio nominativo.

Ademais destes puntos, o pleno extraordinario deste mércores -que se desenvolverá na Casa da Cultura e sen público- tamén incorpora outros asuntos para deliberación e, de ser o caso, acordo dos membros da corporación.

O primeiro deles será a desestimación dun recurso presentado polo sindicato USO contra a aprobación do orzamento municipal. Esta desestimación -ditaminada favorablemente pola Secretaría municipal- significará, de facto, a entrada en vigor das contas para este 2021, de maneira que o Concello poderá comezar a aplicar de inmediato as partidas previstas no orzamento.

Unha das que máis medra é a reservada para colaborar con entidades e familias do municipio. No primeiro caso votarase unha achega extraordinaria para as asociacións para axudarlles cos gastos efectuados desde xaneiro de 2020 até o 31 de marzo de 2021, como son os de mantemento e mellora de instalacións de aquelas que posúan instalacións en propiedade e, con carácter xeral, os relativos ao funcionamento ordinario -telefonía, electricidade, limpeza, seguros, etc.- ou a merca de materiais de prevención da COVID-19.

Estas axudas poderán solicitarse até o 15 de abril e teñen unha dotación económica de 3.000 euros. A cantidade percibida por cada entidade será compatible coas da convocatoria anual para actividade e investimento que o Concello prevé abrir máis adiante, previo debate no seo do Consello de Participación Veciñal.

Por outra banda, no caso da colaboración municipal coas familias, o pleno tratará a aprobación das bases para bolsas escolares para estudos obrigatorios e postobrigatorios e as axudas para sufragar os gastos de conciliación na EIM A Rolada.

A partida total ascende a 40.000 euros. Desta cantidade, 33.000,00 euros serán para axudas ao estudo, dos cales 16.000 euros se reservan para estudos obrigatorios, outros 16.000 para os postobrigatorios e 1.000  para o 2º ciclo de educación infanti. Para o financiamento das axudas para sufragar gastos dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar prestados na Escola Infantil Municipal “A Rolada”, establécese un crédito de contía máxima de 5.000 euros. Os 2.000 euros restantes serán para atender posibles casos de situacións socioeconómicas especiais, previo informe social.

Os dous últimos asuntos do pleno de mañá tratarán a declaración institucional co gallo do 8 de Marzo, que chega á sesión co consenso dos tres grupos municipais, e unha moción do BNG solicitando a transferencia da AP-9 e a implantación inmediata da gratuidade das peaxes.

Share.