O Concello destina 25.000 euros a bolsas de estudo e a axudas para familias con criaturas na Escola Infantil Municipal

0

O Boletín Oficial da Provincia tamén publicou este luns a convocatoria de axudas para bolsas de estudos e para os servizos prestados pola Escola Infantil Municipal. As familias poden tramitar desde xa as solicitudes dunha liña da que se poderán beneficiar os nenos e nenas que cursen estudos obrigatorios ou 2º Ciclo de Educación Infantil no centro público do Concello de San Sadurniño ou concellos limítrofes, os rapaces e rapazas que cursen bacharelatos, ciclos ou titulacións universitarias fóra do municipio e, por último, tamén aquelas familias con criaturas matriculadas ou admitidas na EIM no presente curso. En total destínanse 25.000 euros a bolsas e conciliación. O prazo para solicitar estas axudas remata o 17 de abril.

As bases para a concesión destas axudas están publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e poden descargarse en pdf ou ben consultalas directamente en html.

O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para conciliación ascende a 25.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia. Os outros 23.000 euros repartiranse en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso 2016/17.

Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros en dous capítulos. Así, para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de primaria hai unha dotación de 5.000 euros e a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de base liquidable da súa renda anual correspondente ao exercicio 2015.

No caso dos estudos postobrigatorios a partida total ascende a 10.000 euros e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e que, polo tanto, tamén é maior o esforzo das familias para custear os estudos dos seus fillos e fillas. Para acceder ás axudas a renda familiar máxima non deberá superar os 18.000 euros de base liquidable/ano.

Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos nesta convocatoria valoraranse o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.

O prazo de solicitude finaliza o 17 de abril.

Axudas para familias usuarias da Escola Infantil
Por outra banda as axudas para servizos de conciliación volven ir dirixidas exclusivamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2015/2016. A partida total é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 25.000 euros de base liquidable.

A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla dependendo, iso si, do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -de novo a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.

Ás axudas da EIM poderán acollerse tanto as familias que teñan criaturas xa matriculadas no centro como aquelas ás que se lles confirme a admisión durante o periodo de solicitude da bolsa. É dicir, a elas poderán optar familias con nenos e nenas na escola durante o curso 2016/2017, xa que as que neste momento estean solicitando praza para o curso 2017/2018 deberán agardar á convocatoria do ano que vén.

Igual que no resto de axudas educativas, o prazo para presentar as solicitudes tamén será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP ou, o que é o mesmo, ata o 17 de abril.

Documentación descargable:
Bases da convocatoria de bolsas escolares e de axudas para gastos da Escola Infantil Municipal
Folla de solicitude (é a mesma para as dúas)
Anexo II – Autorización para a consulta de datos fiscais

 

Share.