O Concello convoca para este sábado o VI Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero

0
O 25 de novembro é o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. O Concello de San Sadurniño preparou varias actividades coas que se busca concienciar ante unha das grandes lacras da sociedade actual e, ao mesmo tempo, darlles ás principais prexudicadas argumentos e coñecementos para arrepoñerse ante unha situación de risco. Ese é, precisamente, o cometido do VI Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero que se desenvolverá o sábado pola mañá na CAsa da Xuventude. As inscricións poden facerse chamando ao 981 490 027 ext.1.

O obradoiro está organizado como unha sesión na que aprender ferramentas sicolóxicas que permitan adiantarse a unha situación potencialmente violenta, pero tamén ferramentas físicas que axuden a defenderse no caso de que esa situación se produza.

Non se trata de combater violencia con máis violencia, senón de ir sempre un paso por diante para asegurar que sexa a muller-vítima quen manteña o control en todo momento, confiando nas súas capacidades e deixando o medo a un lado. Porén, tanto ou máis importante que defenderse é denunciar calquera vexación ou ataque que se sufra no fogar acudindo á Policía, á Garda Civil ou chamando ao 016, un teléfono gratuíto que non deixa rastro na factura.

O VI Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero desenvolverase este sábado 25 entre as 10.30 e as 14.00 horas na Casa da Xuventude, impartido por persoas expertas en psicoloxía e defensa persoal. Na primeira parte da xornada haberá unha pequena sesión centrada na sensibilización e a concienciación sobre o maltrato que se acompañará dun videofórum. Posteriormente, sobre as 12.15h., desenvolverase o obradoiro de autoprotección propiamente dito que finalizará cun xantar de convivencia entre as mulleres participantes (cadaquén deberá levar a súa comida).

Como complemento, o Concello ofrece unha actividade de conciliación para as fillas e fillos das asistentes, que traballarán sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero, a corresponsabilidade e a coeducación. Poderá participar rapazada de entre 6 e 14 anos e hai un máximo de 10 prazas dispoñibles.

As inscricións poden facerse chamando ao 981 490 027 (ext. 1) ou nas oficinas de Igualdade, situadas no primeiro andar do Concello.

Máis actividades
Alén deste obradoiro, a área de Igualdade organizou para a tarde do sábado e a do domingo na Casa da Cultura unha completa programación co gallo do 25N que inclúe o debate, a música, o audiovisual e tamén o traballo en colaboración co CPI. De feito, o xoves a rapazada dos cursos de 3º e 4º da ESO participará no obradoiro “Cartas de Amor” financiado pola Xunta de Galicia no que se abordará o concepto do amor baseado no respecto e na liberdade, en contraposición á sumisión e os desequilibrios de parella que propugnan a tradición patriarcal e mesmo a música ou o cinema dirixidos ao público xuvenil. As cartas escritas pola mocidade formarán parte dunha mostra que poderá verse na Casa do Concello.

Ademais, varios nenos e nenas do colexio tamén acompañarán á cantante Guadi Galego nunha apertura musical do acto central do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller que se desenvolverá na Casa da Cultura o sábado a partir das 16.30h.

Ese mesmo día tamén terá lugar ás 16.45h. unha mesa de debate arredor da violencia e as desigualdades de xénero moderada pola educadora social Noelia Rodríguez. Canda ela sentarán a mestra Mar López, a secretaria da Muller da Cig, Margarida Corral, e a traballadora social do Concello, Cristina Paz. Como remate da tarde proxectarase “Matria”, de Álvaro Gago, premiada como mellor curta estatal na pasada edición da SEMINCI e, máis recentemente, no festival Alcine de Madrid.

O domingo ás 18.00h. inaugurarase a exposición “Do gris ao violeta” coa xornalista Montse Fajardo, responsable do proxecto “A memoria das mulleres” no Concello de Pontevedra. A exposición permanecerá ata o 4 de decembro no recibidor da Casa da Cultura. Os actos con motivo do 25N rematarán coa obra “Lola”, de Avelaíña Teatro, que se representará tamén o domingo a partir das 18.30h.

Cómpre lembrar que o Concello de San Sadurniño participa este ano na campaña “En negro contra as violencias”, impulsada por máis de 70 municipios e 3 deputacións galegas co obxectivo de concienciar a sociedade no rexeitamento de todas as violencias que sofren/sufrimos as mulleres polo feito de sermos/seren mulleres. O símbolo da campaña son as bandeirolas negras que xa penduran dalgunhas fiestras e locais comerciais e que se poden recoller na Casa do Concello xunto con pegatinas e outro material gráfico.

Share.