O Concello convida á veciñanza a encher de cor os Xardíns Municipais con motivo do Día do Medio Ambiente

0

O sábado 5 de xuño é a data fixada no calendario desde hai case medio século para celebrarmos o Día Mundial do Medio Ambiente. Un día de reivindicación sobre a necesidade de preservar os ecosistemas e, a estas alturas do século, tentar recuperar no posible aqueles máis afectados pola actividade humana. Por aí vai a campaña das Nacións Unidas deste ano, titulada “Reimaxina, recrea, restaura”, que nos proporciona incluso un manual para “sanar o planeta” onde se recollen accións individuais, colectivas e institucionais que se poden-deben levar a cabo para lograr este obxectivo. En San Sadurniño o Concello propón celebrar o día -e todos os días- poñendo en práctica as recomendacións da ONU e, ademais, promoverá unha acción colectiva que encherá os Xardíns Municipais de debuxos e frases relacionados co lema #XERACIÓNRESTAURACIÓN. Haberá que mandalos antes das 14.00h. de mañá ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou ao whatsapp 616 332 919. Tamén se lle poden entregar ao técnico de Deportes na sesión de ximnasia ao aire libre desta tarde -de 18 a 21.00h.- ou aproveitar para dárllos na andaina de mañá por San Sadurniño (16.00h.), que aínda ten abertas as inscricións.

O Concello contactou hai días coa dirección do CPI de San Sadurniño para implicar á rapazada na celebración deste sábado. Non será unha acción presencial, senón que tanto a cativería como o resto da veciñanza deberá achegarlle os seus deseños á área de Cultura -ben en formato dixital ou ben en papel- para que esta os imprima e os coloque nas estacas que hai distribuídas polos xardíns do pazo, onde permanecerán expostas durante os próximos días.

Trátase de reflectir en imaxes -debuxos, fotos, frases…-  un compromiso colectivo co ambiente e coa campaña deste ano impulsada pola ONU, centrada na urxencia de restaurar e recuperar ecosistemas. Na guía publicada or este organismo sinálanse  as accións que cómpre levar a cabo con urxencia en relación cos bosques e as árbores, os ríos e lagos, en vilas e cidades, en océanos e costas, nas terras de cultivo e pasteiros, nas montañas e, por último, nas áreas de turbeiras.

Sadurniño está desde hai anos aliñado con boa parte do que indica a guía das Nacións Unidas, por medio da recuperación e posta en valor de espazos verdes -xardíns, áreas recreativas, arborado nas rúas da zona urbana, rutas de sendeirismo- e de accións, como “San Sadurniño en flor” ou a participación en “Vilas en flor”, que teñen unha importante compoñente ambiental. Pero iso non quita de que sexa necesario seguir concienciando á veciñanza e incrementando as políticas de sostenibilidade, co obxectivo de contribuír na parte que nos toca á conservación do planeta.

As Nacións Unidas dán algúns datos para reflexionar: cada ano pérdense case 5 millóns de hectáreas de bosques -Galicia ten unha superficie de 2,9 millóns-, preto do 80% das augas residuais do mundo vértense en ríos e mares sen tratamento previo, os humidais reducíronse nun 87% nos últimos tres séculos e as turbeiras (en San Sadurniño témolas no Forgoselo), malia cubriren só o 3% da superficie terrestre, almacenan cerca do 30% do carbono do chan.

“Non é posible volver o tempo atrás. pero podemos cultivar árbores, reverdecer as nosas cidades, repoboar os nosos xardíns con especies silvestres, cambiar as nosas dietas e limpar ríos e costas”, lese na web do Día Mundial do Medio Ambiente. Nela tamén se pide “facer as paces co planeta” e “corrixir o rumbo” antes de que se produza unha catástrofe climática. Dáse como prazo até 2030 para reverter a situación, no que pretende ser o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas, cuxa presentación e liñas de accións se fará precisamente este sábado 5 de xuño.

 

Share.