O Concello comprométese a colaborar na posta en marcha de agrupacións para a xestión conxunta dos montes

0

Este venres finalizará en Naraío a rolda de charlas ofrecidas polo Concello nos distintos locais sociais do territorio ao redor da optimización dos nosos montes por medio da xestión conxunta das parcelas. A cadrada quixo que o primeiro encontro fose en Ferreira no mesmo día e practicamente á mesma hora en que se declaraba o incendio que queimou 36 hectáreas de monte en Santa Mariña. E é que a prevención dos incendios é un argumento máis para repensar o tipo de monte que temos e o tipo de monte que queremos para o futuro. Un monte estruturado, con capacidade de producir máis cousas que só madeira e que se pode planfificar sen necesidade de crear asociacións ou agrupacións formais.

En esencia esa é a mensaxe que se está trasladando nas charlas ofrecidas por Segundo Ruíz, enxeñeiro da empresa Conforma Forestal. Trátase dunha firma especializada en formación e consultoría neste ámbito que no caso de San Sadurniño está proporcionándolle á veciñanza que asiste ás sesións algunhas chaves sobre como rendibilizar as súas pezas.

“Nas charlas mostramos as alternativas que ofrece o monte, onde non todo se queda en producir madeira, senón que hai máis posibilidades”, explica Ruíz. “Imos ver que se pode facer tendo en conta o minifundismo das propiedades desta zona, ver cales son as posibilidades de xestión conxunta, como agruparse, cales son as fórmulas polas que poderían optar [os veciños e veciñas] para xestionar de forma conxunta as súas propiedades e ter outras alternativas”.  Entre esoutras alternativas estarían por exemplo, a gandeiría -que ademais é un mecanismo de control da vexetación-, o mel ou os cogumelos, “non ten por que ser todo madeira”, asegura Segundo Ruíz, aínda que ese sexa o principal valor do monte.

O técnico explica nas sesións que existen asociacións para a venda de madeira “pero non para o paso previo, o da xestión conxunta do monte”, algo ao que se pode chegar sen necesidade de crear unha entidade. Neste sentido o dimensionamento das superficies pode lograrse sen tocarlle aos marcos nin á propiedade, senón acordando previamente que plantar e como levar o mantemento de pequenas parcelas lindeiras. Esta é, se cadra, a única maneira de darlle unha volta aos montes nunha zona como San Sadurniño onde hai 6.500 hectáreas de terreos forestais -dúas terceiras partes do territorio municipal- e onde a superficie media da parcela anda en 0,5 hectáreas.

Entre os posibles beneficios da unión para a xestión forestal, Ruíz cita o abaratamento de custes “á hora de facer rozas e plantas” e tamén a protección contra dos lume, xa que a planificación conxunta tamén leva aparellada a mellora das infraestruturas de prevención dos incencios. Outra das vantaxes do modelo conxunto sería a de obter rendementos alternativos -os gandeiros, os das setas, etc.- mentres non hai quendas de corta e, ao tempo, conseguir madeira de mellor calidade e doada de extraer que virtualmente tamén teña mellores prezos.

Sen dar fórmulas máxicas, nas charlas fálase de ver cada zona e analizar como sacarlle partido con aproveitamentos combinados que permitan tirar rendemento do monte todos os anos e non só cando se corta.

Sobre esta cuestión, o titular da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, afirma que tanto en San Sadurniño como no resto de Galicia “estase desaproveitando moito  a capacidade produtiva dos montes”. Unha situación que se quere revertir desde o Concello con formación e mesmo con outro tipo de apoio. “Se se detecta que hai xente disposta a dar un paso máis, a unirse para xestionar o monte, o Concello colaboraría economicamente cos gastos da constitución da asociación ou da fórmula legal pola que opten”.

Pola súa banda, o alcalde destacou na presentación das charlas hai uns días en Ferreira que “é necesario por en valor os montes dunha forma sustentable como fonte de recursos económicos e como factor para a creación de emprego”. Secundino García lembrou a frase de Castelao “vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos” para destacar “a riqueza que temos”.

As charlas sobre a xestión forestal conxunta continúan esta tarde en Lamas, mañá mércores en Bardaos, o xoves en Naraío e o venres rematarán en Naraío. Todas elas terán lugar nos respectivos locais sociais de cada parroquia e todas elas ás 17.00h.

Share.