O Concello fai reparacións no colexio por valor de 10.000 euros

0

Estamos a piques de comezar un novo curso escolar e todo debe estar a punto no CPI de San Sadurniño para recibir a rapazada. Por este motivo, o Concello levou a cabo durante xullo e agosto varias obras de mellora das instalacións, centradas no acondicionamento de varios espazos comúns e tamén na solución dalgúns problemas de fontanaría que se viñan arrastrando desde hai tempo. O total das actuacións previstas -que se contan dar por rematadas na semana que entra- aproxímase aos 10.000 euros. Unha contía á que haberá que sumarlle os custes de reparar os desperfectos producidos polos actos vandálicos de hai uns días. Os danos peritáronse esta mesma semana e, segundo parece, van superar amplamente as estimacións iniciais.

As obras de mantemento do centro de ensino atenderon necesidades detectadas no edificio de infantil e primaria, o máis antigo do complexo educativo. Así, no interior leváronse a cabo modificacións no sistema de desaugadoiros dos aseos das aulas de infantil do baixo e tamén nos da sala de profesorado do primeiro andar, unha intervención combinada de fontanaría e albanelaría que obrigou a refacer practicamente todas as conducións e rexistros.

Por outra banda, no edificio tamén se pintou o corredor das aulas da rapazada máis pequena e, xa no exterior, o proxecto de melloras e mantemento atendeu a instalación dunha malla metálica paralela á rúa onde estaciona o transporte escolar, a instalación dunha mesa con bancos para xogos no patio frontal e incluso o pintado no chan de varias liñas e marcas para xogos tradicionais.

No caso das instalacións de secundaria, o Concello recibiu aviso tamén para subsanar as fisuras que apareceron na escaleira de acceso ao primeiro andar. Porén, tras inspeccionalas, desde a área de Servizos decidiuse trasladarlle a incidencia á Inspección de Educación da Xunta de Galicia para que analice se se trata dun problema só superficial ou se é un problema estrutural que requira unha obra de maior envergadura da que tería que encargarse xa a Administración autonómica.

Os traballos de mantemento desenvolvidos polo Concello están a piques de rematar. Cóntase que a principios ou mediados da semana que vén estean listos, xa que o curso comeza o próximo 9 de setembro.

Custes do vandalismo
Por outra banda, antonte mesmo fíxose unha peritación exhaustiva dos danos ocasionados polos actor vandálicos de hai uns días. Cando se descubriron os desperfectos o Concello falaba dunha reparación que se aproximaría aos 2.500 euros. Pero, segundo parece, a cousa vai subir e moito. E é que o amaño das proteccións das columnas estragadas, que levan un acolchado especial, xa anda cerca dos 2.000 euros, aos que lle haberá que engadir o arranxo da louza dos aseos, a substitución de portas e pechaduras e algúns danos descubertos recentemente no centro de secundaria que non entraran na relación inicial da que se lle deu conta á Garda Civil. Segundo comenta Amparo Calvo, o Concello “xa ampliou o contido da denuncia” e, avanza, “imos andar nuns 4.000 euros en desperfectos ou incluso pasar desa cifra, que non é ningunha broma”.

Share.