O Comité clínico da Xunta modifica o plan de Nadal no referido á mobilidade dos territorios con peches perimetrais

0

O Comité clínico da Xunta compareceu pouco despois das nove da mañá para informar tanto da situación epidemiolóxica de Galicia como da modificación do plan de prevención que se aplicará durante estas festas. A única variación refírese á mobilidade de entrada e saída en municipios sometidos a peches perimetrais, como é o caso de Ferrol, Narón e As Pontes (os que temos máis preto de nós). A Xunta permitirá os desprazamentos a e desde eses territorios “para encontros familiares” a partir desta medianoite e até as 23.00h. do día 25, aínda que recomendando que esas visitas se limiten a iso, a visitas puntuais “ver que tal están os nosos familiares pero non pasar a noite ou a comida do Nadal con eles”, tal e como dixo o conselleiro do ramo, Julio García Comesaña. Esta modificación puntual do plan de Nadal -que segue vixente- manterase só nesa fiestra temporal do 23 ao 25 de decembro e será de aplicación tamén para as persoas que veñan de fóra. Por “prudencia”, o Comité adoptou a decisión de revisar o protocolo das festas de semana en semana, polo que os posibles cambios de cara ás citas de fin de ano se decidirán na reunión do próximo luns. En canto ao límite de grupos nas xuntanzas familiares e a variación do toque de queda nas datas centrais do Nadal, todo está recollido no protocolo específico que se pode descargar da web do SERGAS e que ao longo do día de hoxe se actualizará. O máis destacado é o seguinte:

  • Recoméndase a celebración das reunións no Nadal só con persoas convivintes entendendo como tales ás persoas que viven habitualmente no mesmo domicilio. De celebrarse reunións con persoas non convivintes, recoméndase realizalas, de ser posible, en espazos abertos ou exteriores, minimizando o tempo da reunión e sempre preservando a distancia de seguridade, a hixiene de mans e o uso axeitado da máscara.
  • Non se superará un máximo de dúas unidades de convivencia (entendéndose como tales, as unidades compostas por convivintes no mesmo domicilio). Neste caso, o número de persoas que se poderan reunir será de 10.
  • Se algunha destas celebracións se realiza con máis dunha unidade de convivencia, manterase esta agrupación para o resto das celebracións do Nadal (levar a cabo as celebracións sempre coas mesmas unidades de convivencia).
  • No caso de que se reúnan dúas unidades de convivencia recoméndase, de ser o caso, priorizar as unidades unipersoais, para evitar situacións de soidade non desexada. Se, en último extremo, se reúnen máis de dúas unidades de convivencia, o número máximo de persoas que se poderán reunir, incluíndo os nenos menores de 10 anos será tamén de 10. (6 maiores e 4 nenas/os ata 10 anos)
  • A celebración de ceas e comidas realizarase  nunha mesa o suficientemente grande para que permita o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas. Ademais, non se compartirán alimentos (canapés, ensaladas, salsas, etc.), procurando que sexa só unha persoa a que poña e quite a mesa e atenda ao resto de comensais, previa desinfección das mans. Evitarase o contacto físico -estreitar a man, bicos, apertas…- e tamén falar alto e cantar (para isto pode ser útil manter a música ambiental, no seu caso, nun volume baixo). Ventilarase adecuadamente a estancia e tentarase  reducir o tempo de celebración de comidas e ceas.
  • O inicio do toque de queda na noite do 24 ao 25 fixouse nas 1.30h., co que se amplía a marxe para cear de vagar durante a Noiteboa e ter tempo suficiente para regresar ao domicilio trala sobremesa.

O Comité clínico da Xunta decidiu na xuntanza de onte seguir mantendo os peches perimetrais nos municipios cunha maior incidencia. Neste sentido marcouse como fronteira para cambiarlles os niveis de restrición que non teñan máis de 100 casos confirmados nos últimos 14 días, razón pola que, de cara a fin de ano e Reis, podería haber cambios que, en calquera caso, se decidirán na reunión do próximo luns. Ata daquela só se manterá unha fiestra temporal para visitas puntuais a familiares, ben sexa de entrada ou de saída dos territorios pechados. A Xunta recorda que eses movementos a ou desde municipios con peches perimetrais só se poderán facer das 00.00h. do día 23 de decembro até as 23.00h. do día 25 e que esta excepción se debe empregar “para saudar e ver como están” os familiares, pero non para pasar con eles ceas ou xantares. Sobreenténdese -ou polo menos é o que indica o sentido común aínda que o comité non o precise- que a excepción tampouco debe ser tomada como excusa para ir de viños a eses municipios ou para que a veciñanza deses territorios vaia tomalos a outras zonas onde a  a mobilidade non estea restrinxida.

Coidado cos movementos e coa interacción social
Todas estas medidas teñen por obxectivo reducir ao mínimo a posibilidade de contaxios. Galicia encóntrase nunha situación “estable” en canto á evolución da pandemia e a presión sanitaria -só se mencionou a repunta de Verín e Vilagarcía- tal e como se indicou na comparecencia desta mañá. Por iso se insiste tanto na prudencia e na necesidade de seguir extremando as precaucións, sobre todo as relativas a hixiene e autoprotección.

No protocolo pídese que se limite a actividade social non frecuentando lugares concorridos e evitando as xuntanzas innecesarias con outras persoas. Esta última recomendación entra en conflito coa práctica tan habitual destas datas -sobre todo na tarde da Noiteboa e de Anovello- de xuntarse en bares e tabernas para botar un brinde coas amizades antes de ir cear. Por iso non está de máis recordar que na hostalaría de concellos coma o noso, que se encontra nun nivel de restricións básico, o aforo máximo no interior será dun 50% e dun 75% nas terrazas. Non se pode utilizar a barra e os grupos non poderán ser maiores de 6 persoas. A máscara só se poderá quitar no momento xusto da consumición, é dicir, non vale entrar no bar, pedir, sacar o cubrebocas mentres se toma e se parola e poñelo de novo á saída. Polo tanto, a máscara sempre posta entre cada grolo ou cada petisco que tomemos.

Entre o 23 de decembro de 2020 e o 6 de xaneiro de 2021 farase efectiva unha limitación na entrada e saída da comunidade, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no artigo 6.1 do Real Decreto 926/2020, do 25 de outubro, así como para os desprazamentos a territorios que sexan o lugar de residencia dos familiares ou persoas coas que están permitidas as reunións de celebracións. Non obstante, a mobilidade poderá verse reducida en función da situación epidemiolóxica da comunidade autónoma de Galicia ou dun concello en particular.

Cabe recordar -como fixo esta mañá o Conselleiro de Sanidade- que unha PCR ou un test de antíxenos negativo “non é un salvoconducto” que nos permita facer vida normal, senón que se trata dunha “foto fixa” conforme demos negativo nun momento concreto, o que non significa que non poidamos contaxiarnos e, en consecuencia, contaxiar a outras persoas.

Share.