O CF San Sadurniño ofrece un campus deportivo durante os sábados de xullo

0

O Club de Fútbol San Sadurniño súmase á fórmula dos campus de verán para promocionar este deporte entre a rapazada, cunha fórmula parecida á impulsada recentemente polo Aldebarán-Intasa de volei. No caso do fútbol a proposta vai dirixida a nenos e nenas entre os 4 e os 13 anos e desenvolverase os sábados do mes de xullo comezando o día 9. O prezo son 8 euros por unha xornada solta e 20 euros para todo o programa, que será impartido por adestradores con titulación UEFA. As inscricións poden facerse chamando ao 669 638 282, ao 698 185 434 ou mandando un correo a sansaturnino1314@outlook.com

Segundo informa o CF San Sadurniño, no campus traballaranse aspectos como a tecnificación, a coordinación motriz e o adestramento cognitivo co obxectivo de que a rapazada exercite o corpo pero tamén a estratexia, xunto con valores como o do xogo limpo, a empatía e o respecto. Ademais, todas as sesións incluirán unha parte final de piscina coa que potenciar a vertente lúdica do campus.

As xornadas deportivas desenvolveranse os sábados do 9, 16, 23 e 30 de xullo entre as 10 e as 13.00h. As familias poderán levar os seus nenos e nenas en días soltos por un prezo de 8 euros ou ben reservar praza para todo o programa por 20 euros. O campus está aberto a rapazada desde os 4 ata os 13 anos, é dicir, ás categorías biberóns, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil.

A cargo deles e delas estarán “adestradores titulados a nivel UEFA”, tal e como se apunta no cartel anunciador da actividade publicado polo CF San Sadurniño nas redes sociais. Para apuntarse pódese chamar aos teléfonos 669 638 282 e 698 185 434, enviar un correo a sansaturnino1314@outlook.com ou ben pasar polo campo de fútbol de Currás, que será onde se imparta esta actividade.

“Voleibol de verán”
E, tal e como informamos a semana pasada, o Club Voleibol Aldebarán tamén ten abriu unha convocatoria para este mes de xullo co obxectivo de promover o coñecemento e a práctica deste deporte entre a cativería. O “Voleibol de Verán” desenvolverase entre o 1 e o 30 de xullo no pavillón municipal dirixido a idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos. Os horarios van depender das preferenzas maioritarias das familias que inscriban os seus nenos e nenas, aínda que o que si xa está marcado é que a actividade se desenvolverá polas mañás, ben de 10 a 12h. ou ben de 11 a 14h.

Búscase que a rapazada aprenda as regras e o funcionamento deste deporte xunto coas técnicas de control do balón e as distintas posicións na pista. Todo concibido máis como un xogo que como un adestramento propiamente dito, co que se pretende que os nenos e nenas participantes vaian colléndolle gusto pouco a pouco ao volei.

A intención do Aldebarán é ir avanzando durante todo o mes e chegar a formar varios equipos coa cativería inscrita. Equipos que, ao remate do “Voleibol de Verán” se enfrontarán nun pequeno torneo previsto para a última xornada deste campus. O club tamén ideou os obradoiros como un xeito de captar novo talento para a súa canteira sen limitarse só a San Sadurniño, posto que esta actividade está aberta tamén a xente de fóra do municipio.

O custe do “Voleibol de Verán” é de 30€ e para inscribirse abonda con cubrir a ficha que hai ao pé desta información e acompañala do xustificante do ingreso bancario (o número de conta figura na ficha). Para levar adiante a iniciativa, o Aldebarán conta coa colaboración do Concello e tamén do supermercado Maxi Pedroso, que botará unha man con trofeos, camisetas e outra loxística no torneo final.

Pódese obter máis información chamando aos teléfonos 636 728 186, 696 085 847 e 676 284 190, ou a través do correo electrónico do club: aldebaranvoleibol@gmail.com.

Share.