O bus das doazóns estará este luns pola tarde na praza do antigo Concello

0

A Sanidade Pública galega precisa unhas 500 doazóns de sangue diarias. Para facilitar este acto solidario,  a  Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia ten varias unidades móbiles percorrendo o país nas que se recollen sangue e compoñentes que despois serán utilizados en urxencias, operacións e outros tratamentos. Unha desas unidades estará en San Sadurniño este luns de 16.00 a 21.00h.  A doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para solucionar os problemas de saúde de moitas persoas e mesmo salvarlles a vida. As doazóns fan falla todos os días para soster unha media diaria de 500 intervencións cirúrxicas, arredor de 2.700 urxencias e, tamén como promeidio, uns tres trasplantes de órganos ou tecidos.

Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Os requisitos principais son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e ter unha idade comprendida entre 18 e 65 anos. Tamén se pon como condición non doar ata dúas horas despois de xantar e, obrigatoriamente, levar o DNI.

É vital que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre o seu estado de saúde e se está tomando algún medicamento, xa que o sangue doado vai destinado a axudar á recuperación de persoas doentes. Doar sangue é un acto solidario, responsable e tamén seguro, posto que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia non só extrae, senón que tamén conta cun rigoroso procedemento de control que garante a total seguridade dos compoñentes sanguíneos antes da súa incorporación aos bancos hospitalarios.

En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón. Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, das 8.00 ás 22.00 dende teléfonos fixos e móbiles. Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón.

Porén, un dos xeitos máis efectivos para cubrir as necesidades dos bancos sanguíneos é achegarlle á xente os equipos de extracción e por iso a ADOS ten varios autobuses percorrendo Galicia todos os días. A próxima parada en San Sadurniño será este luns 11 de febreiro na praza do Convento do Rosario -diante do posto da Garda Civil- entre as 16.00 e as 21.00 h.

Share.