O BOE publica a obriga de usar mascarillas a partir deste xoves

0

Todas as persoas maiores de 6 anos deberán utilizar mascarillas -preferiblemente hixiénicas ou cirúrxicas- a partir de mañá xoves cando se encontren en espazos públicos, sexan ao aire libre ou pechados, sempre que non se poida garantir a distancia social de 2 metros. A medida xa se viña intuíndo desde hai tempo, o ministro Salvador Illa anunciouna en rolda de prensa e hoxe xa é oficial coa publicación no BOE da orde do Ministerio de Sanidade SND/422/2020. Trátase dun texto escueto que dispón o uso de máscaras con carácter xeral na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, como por exemplo establecementos comerciais. A obriga manterase en vigor durante todo o Estado de Alarma e as súas posibles prórrogas.

A orde sinala como “recomendable” que as nenas e nenos de 3 a 5 anos tamén leven máscara e marca as excepcións ao seguimento da norma, como pode ser o caso de persoas  que presenten dificultades respiratorias que poidan verse agravadas pola súa utilización ou aquelas onde o uso da protección estea contraindicado por motivos de saúde, discapacidade ou dependencia. Esas excepcións han de estar xustificadas.

A máscara tampouco será esixible no desenvolvemento de actividades que resulten incompatibles, tales como a inxesta de alimentos e bebidas, así como  “en circunstancias nas que exista unha causa de forza maior ou situación de necesidade”.

A cerna da orde recóllese no Artigo 3: “O uso de mascarilla será obrigatorio na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de alomenos dous metros”.

A primeira parte da orde é suficientemente clara: máscara obrigatoria sempre que esteamos fóra do noso domicilio paseando, facendo a compra ou calquera outra xestión do día a día. Porén, a segunda parte do texto é a que xera certa incertidume, posto que a obrigatoriedade estaría suxeita a que non se poidan manter eses dous metros de separación con outras persoas coas que non convivamos. Por iso, ante a dúbida, mellor aplicar a máxima e usar a máscara para todo en lugares nos que poida haber máis xente.

As autoridades sanitarias seguen antepoñendo en importancia as medidas hixiénicas: separación persoal, lavado frecuente de mans, non tocar ollos, nariz e boca e e, se se leva máscara, moito coidado ao poñela e sacala e non manipulala sen ter as mans ben limpas.

Obriga de máscara nos medios de transporte (Actualización)
O BOE tamén publicou o xoves 21 de maio unha orde que actualiza as cuestións relativas á mobilidade en vehículos privados e no transporte público, co obxectivo de unificar criterios sobre o uso de mascarillas.

  • Segue sendo obrigatorio utilizar máscaras en todo tipo de transporte público (autobús, ferrocarril, aéreo e marítimo)
  • En motocicletas e ciclomotores -tamén en vehículos da categoría L, coma os cuadriciclos-, cando vaian dúas persoas terán que levar máscara ou casco integral a menos que convivan no mesmo domicilio. É obrigatorio o uso de luvas (de protección ou de tipo sanitario, valen os dous tipos)
  • En vehículos de ata 9 prazas, haberá que levar máscara se as persoas que van dentro non viven todas xuntas. Se as viaxeiras conviven no mesmo domicilio, poderán ocuparse todas as prazas do vehículo e non será obrigatorio que leven máscara. Se unha delas -ou máis- non son convivintes, só poderán ir dúas persoas por fila de asentos, respectando a máxima distancia posible e, repetimos, todas con máscara.
  • En taxis e vehículos de transporte público de ata 9 prazas, incluido o condutor, irán dúas persoas por cada fila adicional de asentos, ademais da do condutor/a. Se as persoas usuarias son convivintes, poderán ir tres por cada fila. En todos os casos con mascarilla, por tratarse de transporte público.
  • Nos trens e buses -tamén os que se contraten para servizos privados-, o operador da liña deberá garantir que sempre quede un asento baleiro entre as persoas usuarias. Se son convivintes, poderán ir xuntas (con máscara, igual que o resto da pasaxe). No autobús quedará libre a fila situada detrás do condutor ou condutora, a menos que haxa mampara. Nas liñas de transporte urbano e periurbano onde haxa plataformas para ir de pé deberase gardar a máxima distancia posible e ponse como tope a metade dos asentos dispoñibles e máximo dúas persoas de pé por cada metro cadrado da plataforma.
  • En vehículos cunha soa fila de asentos -por exemplo camións e furgonetas- haberá que levar máscara a menos que os ocupantes convivan no mesmo domicilio.

O Ministerio de Sanidade ten publicada na súa web unha guía de compra de mascarillas e tamén un gráfico referido ao seu uso axeitado. No BOE indícase que se entenderá por cumprida a medida “mediante o uso de calquera tipo de mascarilla”, aínda que se aconsella como “preferente” o uso das de tipo hixiénico ou cirúrxico que cubran nariz e boca.

 

030520_GUIA_COMPRA_MASCARILLAS-8

Share.