O bo tempo permite rematar o aglomerado O Eirexado-Lourido

0

Os temporais e días de auga das últimas semanas demoraron o desenvolvemento do segundo proxecto viario para enlazar con firme aglomerado o fondo da parroquia de Naraío co límite da Capela. O ano pasado reparouse o tramo entre Quintiá e o cruzamento da Grúa e en novembro adxudicouse o correspondente á pista que vai do Eirexado até Lourido, retrasada polo mal tempo. Porén, a empresa adxudicataria -Francisco Gómez y Cía S.L.- aproveitou as raiolas da semana pasada para efectuar uns traballos que quedaron listos en pouco máis de dous días. A obra suporá un investimento de 51.853 euros, ive incluído. Agora queda pendente levar a cabo o tramo intermedio, entre Lourido e Quintiá, incluido no POS+ deste ano.

Os labores consistiron, en primeiro lugar, na limpeza das cunetas e do antigo firme asfáltico, onde ademais foi necesario tapar baches e outros sinais de desgaste que eran máis acusados na zona comprendida entre o rego da Cernada e a volta da Augaquente debido á pronunciada pendente da pista nese punto.

O traballo perparatorio levaba feito desde decembro, pero os episodios encadeados de mal tempo recomendaron adiar a última operación, a de aglomerado, até que viñesen varios días enxoitos. Algo que ocorreu a semana pasada, cando a empresa adxudicataria -Francisco Gómez y Cía S.L.- desprazou até Naraío o seu equipo humano e de maquinaria para botar unha nova capa de rodadura de maior grosor e cunha superficie máis duradeira e adherente.

A obra comezou no cruzamento do Eirexado, xusto ao pé do cemiterio parroquial, e foi pasando por Correlo, o Cerdeirido e o camiño novo da Cernada ata desembocar no cruzamento de Lourido. En todo ese percorrido, ademais de cambiar o firme, aproveitouse para regularizar o nivel da estrada, poñer na mesma rasante os enlaces con outras pistas e accesos a vivendas, e tamén para darlle un perfil transversal  con caída suficiente para asegurar unha correcta drenaxe da auga cara ás gabias laterais.

Seguinte proxecto
As pistas O Eirexado-Lourido, Lourido-Quintiá e Quintiá-cruzamento da Grúa, son tres camiños distintos pero que forman en conxunto un único eixo de circulación de 4,5 Km. que enlaza o fondo de Naraío co límite da Capela.

En 2020 fíxose unha primeira intervención no último tramo -45.828€ de investimento- e agora acaba de rematarse o primeiro -outros 58.823-, polo que só quedaría pendente de amañar o intermedio, de Lourido a Quintiá. Son algo máis de 1,5 quilómetros que o Concello pretende reparar con cargo ao POS+ deste ano. A obra estímase no proxecto técnico en 59.122,83 euros, ive incluído, un prezo que, case con total seguridade, quedará nunha cantidade sensiblemente inferior ao remate do proceso de licitación por causa da baixa reflectida na oferta da empresa que resulte finalmente adxudicataria.

Share.