O alumnado da ESO visita a exposición “Á violencia de xénero…dille NON!”

0

Medio cento de rapaces e rapazas que cursan a ESO en San Sadurniño pasaron esta mañá pola Casa da Cultura para visitaren a exposición que mostra múltiples tipos de maltrato que ás veces pasan desapercibidos e dos que tamén a adolescencia é protagonista.  A visita non se centrou unicamente en ver os cadros da mostra, senón que tamén tivo unha parte dedicada á análise de comportamentos tóxicos que se dan entre as parellas novas, tamén moitas veces sen que a rapazada se decate.

A parte do obradoiro estivo conducida pola técnica municipal de Igualdade, Verónica Rodríguez, quen animou aos mozos e mozas a que mirasen con detemento as láminas da exposición antes de pasar ao salón de actos da Casa da Cultura e comezar o debate sobre o seu contido.

Nos carteis reflíctense xeitos de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen a sofre e, tamén en moitas ocasións, a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia. Unha etapa “difícil e de moitos cambios” tal e como indicou a técnica de Igualdade, na que cómpre intensificar a formación e traballar a sensibilización. “Que a túa relación de parella sexa sá ou tóxica elíxelo ti”, díxolles Rodríguez quen engadiu aque “non todo é amor, se te humilla e te controla en realidade non te quere”.

Control, manipulación, abuso, sextorsión, humillación, chantaxe emocional… preséntanse con debuxos de banda deseñada para que a mocidade aprenda a identificar as condutas tóxicas en parella co obxectivo de rebelarse contra delas. Porén, no obradoiro tamén se mostraron estereotipos prexudiciais potenciados polo uso das novas tecnoloxías e transmitidos a través da publicidade, a música e o cine. Como exemplo puxéronse pezas a ritmo de reguetón onde os versos cantados denotan unha total submisión feminina e tamén películas tipo “Crepúsculo”, onde o amor se concibe como un sacrificio máis que como unha experiencia baseada na confianza mutua, a independencia e a liberdade.

“Á violencia de xénero… dille NON!” é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que comezou a súa andaina por Galicia o pasado 25 de novembro. O seu obxectivo é concienciar á mocidade sobre eses “estereotipos tan nocivos” que empanan as relacións de parella, tamén na adolescencia e mocidade. De feito, as condutas que se mostran na etapa adulta non xorden espontaneamente senón que adoitan vir de vello, manifestándose na xuventude. “Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato: os estereotipos caducos e os mitos enganosos que a xente maior cre erradicados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante”, explícase na introdución da exposición que mañá mesmo deixa San Sadurniño.

A visita á exposición e o obradoiro posterior desenvolvéronse en dúas veces ao longo desta mañá, unha para a mocidade de 3º e outra para a de 4º da ESO do CPI de San Sadurniño.  Ao seu remate Verónica Rodríguez mostrouse sorprendida pola participación “tan activa e con tanto interese” dos rapaces e rapazas. “A maioría identificaron claramente nas imaxes, na música e nos fragmentos de películas diferentes comportamentos insanos e formas de exercer a  iolencia de xénero”, explica a técnica de Igualdade. Segundo Rodríguez, o obxectivo da actividade foi o de facilitarlles ferramentas “para que detecten estas situacións e actúen ante elas. Que sexan capaces de se preguntar e de reflexionar sobre se as súas relacións de parella son sas ou insas”.

Share.