O Aldebarán mídese cos outros grandes galegos antes do comezo ligueiro

0

O sábado volve o volei a San Sadurniño a través do trofeo municipal que, nesta edición, disputarán o Emevé Lugo, o Dumbría Voleibol, o Rotogal Boiro e o equipo anfitrión, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño que encara a cita como unha das últimas postas a punto antes da súa estrea na máxima categoría estatal. Os encontros comezarán ás 10.00h.  co emparellamento Dumbría-Lugo, seguido ás 12.00h. do partido entre os de Sansa e o Rotogal Boiro. Pola tarde, a partir das 17.00h., loita polo terceiro e cuarto posto e, dúas horas despois, a final. O cuadrangular xógase no pavillón municipal con entrada de balde e terá un significado especial tanto para o clube local como para a afección, xa que irá dedicado á memoria do xogador Óscar Prieto “Postu”, falecido o pasado mes de xullo.

O Aldebarán terá este sábado unha nova oportunidade de engraxar a súa renovada maquinaria poñéndose diante dos outros tres grandes do volei galego. O equipo dirixido por Charly Suárez xa disputou varios encontros de pretemporada deixando un bo sabor de boca e magníficos resultados, sinal inequívoco de que as fichaxes e a configuración do grupo son unha aposta firme do clube para entrar na Superliga masculina con garantías de permanencia.

Os xogadores intensifican a preparación física ao tempo que se promove a compenetración entre eles, factor este último fundamental para lograr unha piña de entendemento que despois dea o resultado agardado na cancha.

A liga comezará o 13 de outubro cun partido en que o Intasa recibirá ao CDV Río Duero Soria no pavillón municipal. Será o primeiro paso para o Aldebarán na máxima categoría, que require un maior esforzo deportivo e tamén financieiro. Neste sentido o equipo local iniciou a finais de agosto unha campaña de captación de persoas socias e de venda de abonos de temporada, con varias modalidades:

Tipo de abono Importe
Abono Xeral 50€
Abono Xuvenil (-18 anos) 30€
Abono Club (pais/nais xogadores/as da base -2 persoas) 60€
Abono Familiar (2 persoas adultas + 2 menores) 80€
Abono Amigo (3 persoas adultas) 120€

Para solicitar estes abonos pode descargarse desde esta ligazón a folla de petición e domiciliación bancaria, que deberá entregárselle ao club debidamente cuberta.

Programa do Trofeo “Memorial Óscar Prieto”
A entrada para o trofeo municipal será gratuíta. Para encaixar na xornada o cuadrangular o primeiro partido púxose para as 10.00h. enfrontando ao Dumbría e ao Emevé Lugo. A segunda rolda de clasificación xogarana a partir das 12.00h. o Aldebarán e o Rotogal Boiro.

Pola tarde os encontros comezarán ás 17.00h. coa loita polo terceiro e cuarto posto entre os perdedores da mañá. A final está posta para as 19.00h.

Share.