O Aldebarán-Intasa visita este sábado a cancha do Emevé na procura de tranquilidade

0

Trala breve pausa da Semana Santa, o equipo da SM2 do CV Aldebarán retoma a competición do playoff de ascenso á máxima categoría do volei estatal. Faino desde a cabeza da táboa, onde se encontra empatado a puntos co cvleganes.com, que hai dúas semanas levou unha valiosa victoria do pavillón municipal. O arranque da segunda volta promete ser intenso, cun equipo local que acudirá este sábado a Lugo -pavillón municipal, 20.00h.- para medirse ao colista, o Emevé. Os lugueses seguramente dean guerra, xa que a deste sábado é a súa última oportunidade de seguir mantendo opcións ao ascenso.

Como vén sendo habitual, o Intasa arrastrará a Lugo unha boa tropa de seareiros e seareiras para animar o equipo neste primeiro partido da recta final da fase de promoción. Faltan tres xornadas por xogarse: a deste sábado contra o Emevé, a do día 14 na casa recibindo ao Podes i Tales de Manacor -partido que, segundo parece, se emitirá pola TVG2- e a última, o día 21, en que o equipo dirixido por Suárez e Parga visitará Madrid para baterse co cvleganes.com.

O Aldebarán está mentalizado para traer de Lugo unha victoria que lle permitiría seguir metido nos dous primeiros postos da clasificación que abren as portas á Superliga. Gañaría en tranquilidade e aproximaríase aínda máis á matemática que lle asegure o ascenso incluso antes do remate do playoff. Pero para iso aínda fai falla ganarlle ao Emevé e tamén habería que facer o propio co Podes i Tales, que este sábado se enfronta aos madrileños, desexosos de vencer aos isleños por primeira vez esta temporada

Fagamos quinielas. Se o Leganés perde e o Aldebarán gana, o equipo local volvería ter vantaxe na cabeza da táboa e os baleares pasarían ser segundos. Se o Aldebarán perdese  e o Leganés ganase, os de aquí seguirían manténdose arriba e o resultado insuflaríalle algo de aire ao Emevé, deixando ao Podes i Tales no mesmo sitio.

Aínda queda moita competición e de aquí ao 21 de abril, data da derradeira xornada da fase de ascenso, pode pasar calquera cousa. O CV Aldebarán-Intasa reanuda a loita cargado de ánimo, cunha forma física excelente e co aval da súa traxectoria até o momento tanto no playoff como na competición ligueira.

 

Share.