O Aldebarán Intasa San Sadurniño recibe este sábado ao 4º da táboa

0

Quedan seis xornadas para que finalice o calendario da liga regular na SVM e o Intasa debe apretar firme para colleitar neses seis partidos todos os puntos que poida para buscar unha permanencia matematicamente posible pero certamente difícil a estas alturas da competición. Trala reconfiguración do equipo das últimas semanas e o bo xogo que demostrou no último encontro ante o Melilla, a brigada de Charly Suárez recibirá este sábado no pavillón municipal -19.30h.- ao cuarto clasificado, o Urbia Voley Palma. Un dos ósos da competición que o Aldebarán tentará roer na procura dunha victoria moi necesaria. Ao seu favor ten o feito de xogar na casa e, de seguro, co apoio dunha afección incondicional. O equipo sairá aproveitar esta circunstancia “sen presión” e sabedor de que as contendas en cancha propia sempre crean condicións máis favorables para a victoria. 

As cousas están así: o Aldebarán Intasa San Sadurniño marcha de colista con 5 puntos e os seguintes por riba son o Barça -13 puntos- e o Manacor -15 puntos-, unha distancia difícil de reducir pero non imposible. O capitán local, Uxío García, comentaba esta mañá que “matematicamente si hai posibilidades de salvación, pero é difícil. Fan falla tres victorias pero hai que ter en conta que non depende só de nós, senón tamén dos que fagan os outros equipos. O Barça acaba de reforzarse e é previsible que gane partidos”.

O Intasa xoga na casa este sábado e mailo que vén, cando nos visitará o Unicaja Almería, segundo clasificado. O capitán azul adianta cal vai ser a estratexia para estes dous partidos tan decisivos contra equipos que, malia xogar na SVM, “non son da nosa liga”. García comenta que o Urbia Voley “ten unha plantilla galáctica cun sexteto bon na pista pero sen fondo de armario no banquiño” por iso o equipo local prepara un xogo “agresivo desde o primeiro momento” coa idea de buscar unha fenda que os rivais non sexan capaces de tapar. “Sairemos a apretalos a ver se lles podemos facer dano, buscando que non poidan reaccionar”, explica o capitán.

Malia a situación local, coa permanencia cada vez máis peada, García asegura que saltarán á pista “sen presión”. “Somos realistas, pero non imos tirar a toalla no que queda de competición”. O veterano xogador engade que para a cita deste sábado o equipo está citado ao completo, sen ningunha baixa, e que nas últimas semanas se sopesou reforzar a súa capacidade ofensiva con novas fichaxes, algo que se desbotou por cuestións económicas e tamén coa intención de replantexar as cousas de cara ao ano que vén, sexa na SVM se se logra a permanencia ou sexa na Superliga 2.

En calquera caso, a escuadra azul volve facer un chamamento para encher o pavillón municipal. A cita é ás 19.30h.

Share.