O 48º Rally de Ferrol achégase a San Sadurniño o sábado pola mañá

0

59 equipos participan na edición nº 48 do Rally de Ferrol. A terceira proba puntuable para o Campionato de España  volve ter este ano en San Sadurniño un dos seus principais escenarios. Pasará na mañá do sábado por Igrexafeita e Ferreira en dúas veces, unha pouco despois das 8.30h. e outra a iso das 11.30.  O tráfico estará cortado desde as sete da mañá en todo o percorrido e non volverá abrir ata o remate da segunda pasada.

O rally propiamente dito comeza co shakedown (ou trazado de probas) este venres pola mañá, que terá lugar pola zona de Esmelle, en Ferrol. A competición propiamente dita arrancará en Igrexafeita co tramo denominado San Sadurniño-As Somozas. Ten 17,45 quilómetros de percorrido  e posiblemente sexa un dos máis espectaculares dos catro que compoñen esta proba do calendario estatal. Deberán facelos todos dúas veces.

Nas zonas de Igrexafeita e Ferreira polas que pasa o rally cortarase o tráfico ás 7.05h. e xa non volverá abrir ata que finalice a segunda pasada. A primeira está prevista para arredor das 8.30h. con saída do lugar da Penalonga. Desde aí os coches baixarán pola Fraga ata o fondo de Ferreira e despois subirán cara a Cadavás. Cruzarán a estrada DP-7601 prácticamente no aire para encamiñarse cara ao Pico e logo tirarán xa cara a Moeche e As Somozas. Como novidade, este ano o rally perde o paso polas Filgueiras, San Cristovo, A Chabola, Caínce, o Hedreiro e Amido, xa que Ferreira de Arriba está o sábado e mailo domingo de festa na honra do San Cristovo.

Os accesos aos puntos máis interesantes do rally poden consultarse na web da 48ª edición. Tamén alí hai importantes consellos de seguridade para o público asistente que non está de máis consultar antes de saír da casa.

Desde o Concello prégaselle ao público que se coloque en lugares seguros e que siga as recomendacións da organización. Ademais, tamén se pide máxima precaución ao volante nos accesos ao tramo. Outro consello importante tamén é o de respectar o contorno e non deixalo cheo de lixo.

Máis información
Web do Rally de Ferrol
Mapa dos tramos
Acceso aos tramos con Google Earth

Share.