O 14 de agosto volve o grande derbi local

0

A UDC Narahío e o CF San Sadurniño iniciarán en cuestión de días a pretemporada preparatoria da liga  2022/23 que disputarán ambos equipos. A estrea de ambas escuadras será no clásico Trofeo Concello de San Sadurniño, que este ano chega á 30ª edición e que, ademais, volve ao medio de agosto despois da pausa pandémica de 2020 e a disputa en outubro do derbi de 2021. O encontro xogarase no campo da Veiga, en Narahío, o domingo 14 de agosto a partir das 18:30h e será a primeira oportunidade de ver as bazas que posúe cada formación para tentar o ascenso á 1ª Galicia, ou polo menos para conseguir un bo resultado na 2ª Galicia da zona de Ferrol.

Nas redes sociais  trascendeu a aposta continuista da UDC Narahío. Despois de certificar unha temporada excepcional na fase de grupos na liga pasada, o equipo amarelo e azul confirmou a renovación da maior parte da plantilla, encabezada polo adestrador, Felipe Mieres.

Así, na herba da Veiga repetirán, entre outros, os porteiros Rafa e Bruno, e tamén seguirán Sergio, Julián, Neira, David, Borja, Zalo, Nono, Santi, Busto, Berto, Baba e Yago, á espera de que vaian coñecéndose máis nomes entre veteranos e novas fichaxes. Nestas últimas -xa confirmada- destaca a de Diego Durán, que volve ao Narahío tralo seu paso polo Neda.

A configuración da UDC ten toda a lóxica, habida conta dos resultados obtidos na rolda 2021-2022, cando rematou en segunda posición do Grupo B da 2ª Galicia de Ferrol, encabezada por un Numancia que posteriormente conseguiría o ascenso. Cando unha cousa funciona, mellor non tocala ou facelo o mínimo, e de aí que a directiva da entidade decidise ir sobre seguro cunha correlación de xogadores que combina experiencia e mocidade e que xa vén rodada e compenetrada da temporada pasada.

No caso do CF San Sadurniño continuarán na porteiría Diego Sanjurjo e Bruno Picos; así como Martín Bouza, Fran Seijo, Nacho Grimaldi e Esteban Castrillón na defensa, e os centrocampistas Antón Senra, Isma Graña, Oscar Melián, Martín Romero, Yoel Díaz, Ángel Sampedro e Diego Calderón. Pechando o grupo que renova atopamos os nomes dos dianteiros David Hermida, Pablo Bouza e Christian Caamaño.  As novas fichaxes son para a zaga defensiva e para o medio do campo: Samuel Lozano procedente do Miño, Álex Barro dos xuvenís do CD As Pontes, Daniel Fernández desde O Val, o xuvenil da casa Dani Anidos, Javier Vizoso do Rácing de Ferrol xuvenil e Sergio Fraga chegado do Mandiá.

O San Sadurniño tamén terá a proba varios xogadores durante a pretemporada e en canto ao corpo técnico incorpórase como adestrador José Carlos Teijeiro proveniente do CD Calasanz, que estará apoiado por Manel Fernández como segundo, Eduardo Vázquez na preparación física e Ramón Landrove como delegado.

O equipo laranxa publicou esta semana o seu calendario de pretemporada, no que se enfrontará  co Eume Deportivo B o 24 de agosto no campo da piscina, co CD Narón a domicilio o día 26, co Valdoviño en Mourente o 1 de setembro, co Cedeira no Beco o día 7 e, de novo na casa, co Galicia de Caranza xuvenil A o día 13 do mes que vén. Todos estes partidos xogaranse ás 20:30h. No medio, o domingo 11 de setembro, o CF San Sadurniño  disputará na Barqueira un cadrangular co Cebarca, o Moeche e o Rosalía de Vilaboa.

Ademais, a entidade tamén celebrará o sábado 13 de agosto a súa comida anual de confraternidade, á que están convidadas todas as persoas socias. Será no Mesón a Granxa e desde o club pregan que se confirme a asistencia o antes posible chamando ao 669 638 282.

Ao día seguinte, o domingo 14 de agosto ás 18:30h, a UDC Narahío e o CD San Sadurniño loitarán polo trofeo municipal no campo da Veiga nunha cita xa tradicional que outros anos cadraba sempre coas festas da parroquia. En 2021 a copa foi para a vitrina do Sansa tras numerosas  tentativas infructuosas. Desta vez terá ante si un equipo anfitrión de eficacia máis que probada que cando toca derbi local sempre sae ao 150% de motivación.

Share.