Nuns días pecha o prazo para inscribirse no primeiro curso de A Fusquenlla

0

Os concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño teñen aberto até o 15 de maio o prazo para preinscribirse no primeiro curso que se ofrecerá no centro de transformación A Fusquenlla. A finalidade desta acción formativa, de 63h de duración teórica e práctica, é ensinarlles ás persoas participantes como funciona todo o equipamento dispoñible para o procesado hortofrutícola, de cara a que poidan ir empezando a traballar nas instalacións. Só se ofrecen 15 prazas e para cubrilas daráselle prioridade ás persoas que teñan vinculación co sector primario e un interese real en utilizar o novo centro de transformación agroalimentaria. O espazo A Fusquenlla está integrado na rede de traballo colaborativo da Deputación da Coruña, quen tamén financia este curso. No segundo semestre do ano programarase outro, en colaboración nese caso coa Consellaría do Medio Rural.

O curso que ten aberto neste intre o prazo de solicitude centrarase exclusivamente na transformación de produtos hortofrutícolas e impartirase en oito módulos. En conxunto suman 63 horas de teoría e práctica sobre  seguridade hixiénico-sanitaria e  uso correcto das instalacións e os equipos, co obxectivo de poder elaborar produtos atendendo aos requisitos legais establecidos. Os temas que se tratarán son os seguintes:

    • Hixiene e manipulación de alimentos. (15h)
    • Limpeza e desinfección do espazo de traballo. (6h)
    • Prevención de riscos laborais específicos do sector. (9h)
    • Manexo do equipamento e instalacións. (6h)
    • Manexo de ferramentas informáticas para a produción de conservas. (6h)
    • Trazabilidade. Documentación e cumprimento de normas. (6h)
    • Elaboración de custos do uso das instalacións. (3h)
    • Transformación de produtos hortofrutícolas. (12h)

Os módulos serán dinámicos e participativos, impartidos en xornadas de 3 ou 4 horas preferentemente presenciais, se ben algunha das partes máis teóricas, como a de prevención de riscos, poderá seguirse a través dunha plataforma de formación. As datas e horarios adaptaranse ás necesidades e á dispoñibilidade da maior parte das persoas participantes.

A formación vai estar dirixida única e exclusivamente ás persoas verdadeiramente interesadas en facer uso das instalacións do Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Por esta razón daráselle prioridade a aquelas  que desenvolvan as súas actividades nos sectores agrario e alimentario, e que teñan unha clara vinculación co mundo rural.

Para este primeiro curso gratuíto ofértanse un máximo de 15 prazas e esixirase das persoas participantes o compromiso de asistir polo menos ao 90% das horas de cada módulo. Tamén será necesario que superen con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitidas despois como usuarias ou usuarios da Fusquenlla. Se houbese máis solicitudes crearíase unha lista que se terá en conta para o curso que se prevé realizar no segundo semestre do ano.

As preinscricións hai que facelas a través deste formulario dispoñible na web do proxecto, onde tamén se atopa información ampliada sobre o contido do curso e sobre as instalacións, situadas no recinto feiral de San Ramón, en Moeche.

Iniciativa pioneira e referente para o territorio do proxecto de xeoparque
A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. No proxecto están implicados os concellos  de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, que contaron con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural.

Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc., onde as pequenas explotacións e particulares poderán procesar as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes.

O centro pretende axudar deste modo a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento local, sendo ademais referente formativo e da posta en valor dos produtos da terra dentro do territorio que aspira á declaración de Xeoparque Mundial da UNESCO.

De feito, A Fusquenlla é un dos principais proxectos relacionados co desenvolvemento sostible que amparan a candidatura, poñendo o foco na elaboración de alimentos de alto valor engadido e calidade orientados tanto a circuítos de proximidade como a outros máis afastados.

Ademais agárdase que no caso de obter o recoñecemento internacional,  o distintivo “Xeoparque do Cabo Ortegal” poida identificar a produción saída da Fusquenlla como aval de orixe, calidade e sostenibilidade ambiental e social.

 

Share.