“Nós mesmas”, primeira curta como directora de Ana Pontón, estrea da semana no Chanfaina Lab

0

A parlamentaria Ana Pontón -quen xa participara como produtora nunha anterior edición da Chanfaina ‘Lab- realizou no último encontro audiovisual a curta “Nós mesmas”, a súa primeira peza como directora. Con ela buscou romper tópicos sobre as mulleres do rural e os seus anhelos. Para iso entrevistou a cinco mulleres de distintas idades e xuntou os seus testemuños  con imaxes dunha viaxe do tren Ferrol-Ribadeo, metáfora dun camiño percorrido… pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer. Pontón disocia a viaxe e as voces en off dos rostros que tecen o argumento, que só se presentan como retratos nos últimos intres da curta. Esta técnica narrativa leva ao público a facer o exercicio mental de tentar asociar quen dixo que, pero tamén reforza o discurso de que todo podería telo dito calquera muller en calquera lugar de Galicia. A peza audiovisual encóntrase publicada desde o venres na web de Fálame de San Sadurniño, de onde extraemos algúns fragmentos do resume elaborado polo profesor Manolo González.

“Esta peza é o resultado das conversas con cinco mulleres conectadas con San Sadurniño. Conversas nas que as súas vivencias, frustracións e soños tecen unha historia que toma corpo nunha viaxe no FEVE e pretende deixar unha mensaxe de esperanza nun momento de deconstrución da nosa identidade propia e colectiva. O tren de vía estreita é unha personaxe máis e encarna una visión contemplativa da vida, un punto de vista neutro ante o devir dos acontecementos.”

Esta é a sinopse de “Nós mesmas”, a obra coa que Ana Pontón (Chorente, Sarria, 1977) se estrea como directora, aínda que o seu contacto co audiovisual vén de vello e mesmo fixera labores de produción no 2º Chanfaina Lab para o filme “Trazos”, do director de fotografía fenés Alberte Branco.  Daquela experiencia enriquecedora agromou a inquedanza por dirixir unha curta da súa propia autoría que ao cabo puido materializar nesta edición.

Ana achegouse a San Sadurniño con dúas teimas de partida: o empoderamento da muller e a reivindicación do trazado do tren FEVE, tan maltratado e abandoado pola Administración nos últimos anos. Para iso seleccionou  cinco mulleres de distintas idades e mesturou os seus testemuños con imaxes dunha viaxe no tren Ferrol-Ribadeo: “A peza non nace a partires dun guión preestablecido. As tres ancoraxes do filme son a terra, as mulleres e o tren. Interesábame o proceso creativo de contar unha historia que non seguira un sistema pechado e predefinido por un guión, senón o resultado dunha vivencia e convivencia. Quixen darlle voz e protagonismo ás mulleres de San Sadurniño como acto reivindicativo e empoderamento feminino, visibilizando reflexións e sentimentos que rachan con estereotipos e falsas dicotomías entre rural e urbano”.

“Nós mesmas” xoga coa idea do tren como “metáfora da vida”, como alegoría dun camiño percorrido… pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer; ao tempo, o tren é unha das imaxes máis icónicas no devir da historia do cinema dende o seu nacemento en 1895. Ana Pontón saca adiante con solvencia o seu primeiro filme como directora: disocia a viaxe e as voces en off de mulleres de idades diversas, dende a máis veterana, Lucita (Naraío 1938), ata a novísima Birtukan (Adís Abeba, 2007), todas elas con orixes e arelas diferentes, aínda que moran e viven nun territorio común.

As voces que tecen o argumento, só se presentan como retratos nos últimos intres da curta. O público terá que facer o exercicio mental de asociar as voces e os rostros de cada unha delas. Mais tamén reforza o discurso de que todo podería telo dito calquera muller en calquera lugar de Galicia, porque todas verbalizan experiencias e sentimentos que rachan cos tópicos sobre as mulleres do rural.

Segundo explica a directora: “coas súas vivencias, frustracións e soños pretendo deixar unha mensaxe de esperanza nun momento de deconstrución da nosa identidade propia e colectiva”. Así pois, dispoñámonos a gozar dunha viaxe en tren a través dos ollos da cineasta Ana Pontón e das voces esperanzadas de cinco grandes mulleres que viven no noso concello.

Share.