No outono toca volver trampear contra as velutinas

0

A avespa asiática segue entre nós e estamos nun dos momentos idóneos para loitar contra dela. Continúan aparecendo niños. Os datos que facilita a Xunta sobre o seguimento desta invasión apuntan a que en San Sadurniño se levan detectados entre 25 e 100. Un abano de cifras moi amplo que se supera segundo Medio Rural en concellos limítrofes como Valdoviño e Narón, onde o número de colonias descubertas pasa do cento. Iso só pode ter tres explicacións posibles: ou ben que en San Sadurniño hai algunha barreira descoñecida que limita a propagación con respecto a outras zonas, ou ben que hai a mesma presenza de velutinas que noutros lados pero non se dan tantos avisos, ou ben que hai maior concienciación e implicación veciñal nos trampeos de primavera e outono. E é que a captura masiva de fundadoras a finais do inverno e a partir do outono semellan ser un dos medios de contención máis efectivos. Por iso, entre setembro e novembro é moi recomendable reiniciar un trampeo preto de colmeares e de zonas onde se atopase algún niño. Ademais cómpre lembrar  que se vemos algunha colonia debemos chamar inmediatamente ao 012 para que a eliminen.

O sistema de loita oficial contra a vespa velutina nigrithorax está recollido nun protocolo de vixilancia e control publicado pola Xunta de Galicia que se revisa ano a ano. Ademais da eliminación de niños, o protocolo fía o combate contra a invasión á captura selectiva de raíñas por unha cuestión obvia: se non hai raíña, non haberá colonia da que preocuparse despois.

O protocolo recomenda colocar trampas en dous momentos. O primeiro é antes da primavera, xusto cando saen da hibernación as raíñas do ano anterior para fundar unha nova colonia. O outro momento en que as trampas son máis efectivas é durante o outono e mesmo a comezos do inverno, tendo en conta que nos últimos anos estamos tendo temperaturas excepcionalmente altas ata practicamente decembro. Segundo o protocolo oficial, nesta época en que estamos é “cando as futuras raíñas, recentemente fecundadas polos zánganos, se sitúan  fóra do niño antes da hibernación previa ao inicio do novo ciclo anual” e, polo tanto, tamén é cando mellor se pode atallar a futura proliferación.

Sobre as trampas hai ducias de tutoriais en internet que describen paso a paso tanto a fabricación como a preparación dos líquidos atraentes, nos que sempre se combina unha base alcólica con algún zume aromático e ben doce. Ademais, tamén hai dispositivos e líquidos comerciais moi efectivos, e tamén máis caros. O caso é que, sexan compradas ou feitas na casa, as trampas deben colocarse preto das colmeas, nas hortas, en lugares onde aparecese algún niño… e en todos os lados que poidamos, coidando sempre de garantir que outra fauna autóctona -como a vespa crabro ou as avespas comúns- poida fuxir destes engados sen problema.

Xornadas na Casa do Mel de Goente
Malia que existe un protocolo e que xa levamos varios anos sufrindo os efectos da velutina, semella que aínda non hai un coñecemento fondo sobre como se está adaptando esta especie a Galicia e incluso sobre se puidera estar mudando a súa conduta nese proceso de adaptación. Tampouco se deu cun sistema de loita efectivo ao cento por cento e, namentras, tenta conterse a invasión mal que ben pero sen unha coordinación perfectamente sincronizada entre a investigación, o mundo apícola, os concellos e a Xunta.

Destas cuestións está falándose desde hoxe na Casa do Mel de Goente, a través das xornadas de Intercambio de ideas sobre a vespa velutina que se prolongan ata mañá pola tarde. Os temas que se abordarán serán o da problemática da avespa asiática desde o punto de vista das asociacións apícolas, desde o dos concellos e desde o da propia Xunta. Ademais, tamén se falará sobre o insecto desde a óptica científica e dos sistemas de loita que se están probando, como é o rastrexo de niños con cans adestrados, as trampas eléctricas e incluso un dron para eliminar as colonias.

O programa completo das xornadas de hoxe e mañá pode consultarse aquí.

 

Share.