Naraío ultima detalles para o Festival do Río Castro deste sábado

0

Hoxe é o último día das festas patronais de San Sadurniño. Igual ca onte haberá misa e procesión cara ás 13.00h. e logo sesión vermú coa orquestra Superfama, que pola noite alternará pases con Samba. E, mentras, en Naraío andan dándolle os últimos retoques ao entorno da Bóla, onde este sábado se celebra o XXVI Festival do Río Castro. A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, organizadora do evento, ten xa a punto o campo, as zonas de aparcadoiro e de merendas. Incluso está montado o escenario, ao que subirán o grupo Os Trotaventos, Lenda Ártabra, Os Melidaos e Tiruleque. Porén, a ras de chan tamén actuarán Os Feroces da Galgueira durante a sesión vermú e a Mekanika Rolling Band pechando a festa ben entrada a madrugada. Este ano hai novidades. A primeira delas é a publicación dunha web específica do festival –www.festivaldoriocastro.gal– e a segunda centrada na organización dos xogos da tarde, para os que será obrigatorio formar equipos mixtos e totalmente paritarios.

Tal e como comentan desde a directiva da entidade, a decisión de que os equipos deban ter igual número de homes que de mulleres atende “ao compromiso que temos adquirido coa promoción da igualdade, e iso tamén debe trasladarse aos xogos. Queremos dar exemplo neste sentido e o campionato de deportes rurais é un bo momento para facelo pola cantidade de xente que participa e se reune arredor de quen se bate xogando á chave, co tronzador ou tirando á corda”.

A estrutura dos xogos mantense coma en anteriores edicións. Empezarán  sobre as 18.30 ou 19.00h. coa chave, disputando as tiradas en quendas de dúas en dúas parellas -haberá dúas chaves instaladas-; logo tocaralle ao serrado con tronzador para ver que parella é máis rápida atorando; por último, a corda, onde os equipos han de estar formados por 6 persoas, é dicir, si ou si por tres mulleres e tres homes. No caso das exhibicións que adoitan facer nenas e nenos tamén se garantirá que exista paridade nos equipos.

Pero iso será antes da cea e dos concertos da noite nunha xornada que o Castelo de Narahío concibe como unha mestura entre o ambiente dunha romaxe tradicional e un encontro coa creación musical do país. E é que na Bóla empezará a haber movemento xa a media mañá coa chegada de merendadas, que arestora xa teñen marcados boa parte dos campeiros circundantes a un e outro lado do río. De feito, a asociación veciñal aproveitou o “marcado” das parcelas como eixo do vídeo promocional do festival, onde un xabaril tamén “marca” da maneira que sabe unha parte do recinto.

O vídeo do porco bravo -animado co “Xabarín xa te vin” dos Yellow Pixoliñas- gravouse na madrugada do pasado 15 de xuño no propio campo da Bóla cunha cámara de visión nocturna. Tal e como comentan desde O Castelo “o festival naceu como unha reivindicación ambiental e este ano ocorréusenos facer un vídeo que servise tamén como chamada de atención sobre o problema que temos no rural por mor da proliferación da fauna salvaxe. Démoslle un toque de humor, que é como mellor chegan as mensaxes, e puxémoslle unha música acaída que lle resulta moi familiar á xeración que medrou co Xabarín Club e que hoxe é o noso principal público: xente de entre 30 e 45 anos que vén ao festival pasar o día en familia”.

A primeira actuación musical terémola ás 14.00h. a pé de toldo cos Feroces da Galgueira, grupo formado por intérpretes das Pontes e doutros puntos da comarca que animarán a improvisada sesión vermú acompañándoa dun obradoiro de baile.

Tralo xantar, a iso das 15.30h., o campo encherase de trebellos para que brinquen as nenas e nenos. Son enredos tradicionais coma o peón, tirafondas, aros, tres en raia, zancos… cos que tamén se pretende darlle a coñecer á cativería os entretementos de toda a vida.

Cara ás 17.00h. o grupo Os Trotaventos traerá até a Bóla o seu espectáculo familiar “A fiestra dos soños”, saído do proxecto literario co mesmo nome editado por Galaxia.

Ao remate do concerto daráselle paso aos deportes rurais e, tralo parón da cea, comezarán os concertos nocturnos -22.00h.– con Lenda Ártabra, Os Melidaos, Tiruleque e a Mekanika Rolling Band, quen pechará o festival tal e como comezou, con música na campeira.

O XXVI Festival do Río Castro conta este ano cun orzamento próximo aos 16.000€, sufragados con fondos da AVV O Castelo de Narahío e con achegas económicas da Deputación da Coruña -4.500€-, do Concello de San Sadurniño -5.000€ para toda a actividade anual da entidade, que reserva unha partida para o festival de 2.000€- e da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios, que supón outros 1.200 euros. Tamén colabora o Concello de Neda apoiando coa súa agrupación de Protección Civil a coordinación do tráfico e das zonas de aparcadoiro.

No mapa que se pode consultar na web do festival aparecen reflectidas cinco grandes áreas de estacionamento a escasos metros da Bóla. As principais encóntranse no lugar da Pena: unha ao pé das instalacións da cooperativa, outras tres tomando un desvío á esquerda xusto antes de chegar á ponte da Ferraría e a quinta do outro lado do río, ao carón do campo de adestramento canino de Lobos de Naraío.

A circulación será dun único sentido a partir das 13.00h. e desde as 14.00h. prohibirase o acceso de vehículos ao campo do festival. Ao pé da ponte románica tamén hai reservado espazo para acampadas, habilitado ademais como campo de reagrupamento no plan de seguridade e emerxencias do evento.

 

Share.