Naraío prepárase para un sábado de tute

0

O maratón de tute que organiza a Unión Deportiva e Cultural Narahío é xa un clásico e, a día de hoxe, dos poucos eventos deste tipo que aínda subsisten en toda a volta. O sábado celebra a 15ª edición mantendo a súa estrutura orixinal dun máximo de 80 parellas participantes, premios cuatiosos e moi repartidos nas tres “divisións” en que se pode xogar e unha oferta gastronómica irresistible incluída na inscrición de 60€ por parella. O torneo naipístico arrancará sobre as 16.30h. no local social da Veiga -ao pé do campo de fútbol- e quedan xa poucas vacantes para completar o cupo. Quen queira apuntarse pode chamar ao 981 490 302 en horario de oficina ou ao 699 228 227 fóra del. 

A hora límite para contactar coa organización e saber se aínda hai sitio son as 20.00h. deste venres, pouco antes de que se faga o sorteo dos enfrontamentos da primeira rolda clasificatoria. Nesta mañá de xoves ían inscritas 70 parellas, polo que quedarían só 10 prazas para chegar ao tope do cadrante de eliminatorias.

O maratón divídese inicialmente en 16 grupos de 5 parellas cada un. Dentro de cada grupo debe xogarse un todos contra todos en dous xogos a 8 -tres se hai empate- no que en cada volta lle toca descansar a un dos dúos participantes. Unha vez completada a rolda súmanse as puntuacións acadadas -1 punto xogo ganado- e as dúas parellas con mellor resultado proseguirán na primeira “división”, as dúas seguintes enfrontaranse con outras na  primeira repesca e a que teña menos puntos irá directa á segunda repesca.

A medida que vaia avanzando a tarde aínda se producirán movementos entre categorías. E é que quen perda na primeira, baixará para medirse na eliminatoria directa da primeira repesca e, quen xa estea na primeira repesca e perda a súa partida, baixará á segunda repesca para disputar alomenos outro enfrontamento. Con este sistema garántese que, si ou si, calquera parella inscrita xogará alomenos 6 partidas de tute e, a partir de aí, o que sexa capaz por sorte ou pericia de manterse en competición.

Esa garantía de botar a tarde e parte da noite xogando é un dos principais alicientes do maratón. O outro é a cea, con rico caldo e cocido incluído na inscrición. Porén, o que máis tira son os premios. Hai catro para a clasificación xeral: 1.000 puntos para a parella campioa, 400 para a segunda clasificada, 300 para a terceira e 150 para a cuarta. Na primeira repesca hai outros catro premios: 300 puntos para os primeiros/as, 200 para a parella que quede en segundo posto, 150 para a terceira e 100 para a cuarta. Por último, resérvanse 200 puntos para a parella vencedora na segunda repesca e 100 para a segunda clasificada. Premios que se reducirían proporcionalmente se non se chegasen a completar 160 participantes ou se houbese baixas de última hora que obrigasen a reducir todo o maratón a 128 “tutistas”.

Quen queira participar terá que chamar ao 981 490 302 en horario de oficina ou ao 699 228 227 en calquera outro momento do día.

Share.