Múltiples maneiras de homenaxear a Don Ricardo

0

Ricardo Carvalho Calero. Eterno candidato á homenaxe do Día das Letras Galegas ao que neste 2020, por fin, a RAG lle rende tributo. Quixo o destino que este 17 de maio nos tocase en Estado de Alarma, no medio dunha pandemia aínda non controlada que deixou nun segundo plano informativo un grande autor de aquí ao lado -naceu en Ferrol- e unha figura fundamental para o coñecemento da lingua e da literatura galegas. Trazamos o seu perfil nas seguintes liñas, pero tamén falamos da maneira en que se lle pode render tributo sen ter que moverse da casa tanto a el como á lingua, con propostas coma as da Real Academia Galega ou a da plataforma Queremos Galego. Pero hai máis, tamén falamos da relación de Carvalho Calero con San Sadurniño a través dunha das súas pezas teatrais que acaba de ser montada -anque non estreada- por varias veciñas e veciños de Santa Mariña do Monte. Ademais referímonos á coincidencia das Letras Galegas co Día Internacional de Internet e das Telecomunicacións, cunha programación especial de Fálame de San Sadurniño -que fai este domingo sete anos- e co nacemento dunha emisora en liña “comunitaria e participativa”: Radio Outeiro.

Na biografía de Don Ricardo (Ferrol, 1910-Compostela 1990) escóndense varias biografías. A do neno da Rúa San Francisco que chegou á escola sabendo ler e que xa de pequeno tiña ao seu alcance obras en galego. Tamén a do mozo universitario que participou en Santiago da fundación do Partido Galeguista e a quen, máis adiante, o golpe de Estado do 36 o pillou en Madrid, onde se alistaría no bando republicano. O seu ideario supúxolle trala guerra dous anos de cárcere en Xaén antes de poder volver a Galicia sen que se lle permitise exercer o ensino público.

A de Carvalho Calero é, ademais, a biografía do activista dese “conxunto de heroes calados” da Xeración Galaxia que se encargou da construción teórica da nosa lingüística e da sistematización da nosa historia literaria. Del é a primeira historia da Literatura Galega e el foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galegas da universidade compostelá.

E, por suposto, a biografía de Carvalho -así asinou na última etapa da súa vida- é a do creador prolífico que tocou o ensaio, a narrativa, a poesía e o teatro, ademais de ser como mestre “referente ético para toda unha xeración”, primeiro no colexio lugués de Fingoi, logo no Rosalía de Castro de Santiago e, finalmente, na USC, tal e como asegura o profesor Ramón Villares.

Nestes días publícanse e compártense ducias de olladas en liña á súa figura, aínda que a máis extensa e detallada é a publicada pola propia Real Academia Galega, na que el entrou como membro numerario en 1958. Carvalho Calero é o homenaxeado coas Letras Galegas que nos queda máis preto -incluso de San Sadurniño, como veremos algo máis abaixo- e, quizais, tamén o máis descoñecido para a maioría de nós. Por iso é moi recomendable aproveitar para descubrilo e facelo na compaña da rapazada a través do sitio Primavera das Letras. Unha das achegas máis interesantes é a do realizador Antón Rodríguez -participante no último Chanfaina Lab- quen produciu en 2014 o documental “Vieiros de Esperanza: Ricardo Carvalho Calero”, co que ilustramos este texto e dispoñible en youtube desde hai tan só uns días.

Queremos Galego e “A farsa das zocas”
O Estado de Alarma obrigou a suspender todas as homenaxes presenciais co gallo do 17 de maio. Porén, as redes sociais -auténtico soporte social durante os últimos dous meses- ofrecen tamén a oportunidade de deixar ver un sentir que trascende o tributo a Don Ricardo para se converter, unha vez máis, na reivindicación da fala e da cultura do País.

En San Sadurniño truncouse, alomenos por agora, a estrea dunha obra teatral xestada en Santa Mariña do Monte por un grupo de veciñas e veciños sobre o texto teatral “Farsa das zocas”, feito escena en dous actos por Carvalho Calero a partir dun episodio recollido en San Sadurniño por unha das súas alumnas. A obra, da que falaremos máis amplamente dentro duns días, ía representarse nestas datas. Porén, ante a imposibilidade de facelo como merece, deberemos conformarnos polo momento cun tráiler promocional producido polo youtubeiro da Lobeira Fran Bermúdez, que se publicará aquí e nas redes sociais chegando este domingo 17 de maio.

Por outra banda, desde a área municipal de Normalización Lingüística tamén convidan a participar na campaña impulsada pola plataforma Queremos Galego -da que forman parte o Concello e outras entidades do territorio- na que se chama pola sociedade para “desconfinar” a nosa lingua este o 17 de maio pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión. Os materiais poden descargarse desde a súa web, listos para imprimir en difetentes formatos. A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, estende o convite a todas as persoas “que queren a Galiza e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo”, advertindo que “a súa normalización é necesaria para os avances sociais e democráticos”.

As persoas usuarias das redes sociais poden participar na campaña compartindo mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.

17 de maio, Día de Internet e as telecomunicacións, con Fálame de San Sadurniño e Radio Outeiro
Este domingo tamén se celebra o día da Internet e das telecomunicacións. E en San Sadurniño tamén hai dúas referencias obrigadas a esta data. A primeira é o proxecto Fálame de San Sadurniño, que fai o seu sétimo aniversario promovendo a participación e a construción dixital do noso ser colectivo.

A iniciativa impulsada desde a Aula CeMIT ocupouse nos últimos dous meses de facernos máis levadeiro o confinamento publicando todos os días as pezas do último Chanfaina Lab e tamén unha escolma de vídeos das edicións anteriores. Porén, coa entrada da Fase 1, volverá orientar a súa actividade nas redes ao coñecemento das xentes e os episodios da historia local. A primeira publicación desta nova etapa tráenos a historia da “Tenda de Don Pelayo”, e a peripecia vital do seu propietario, Pelayo Casal, como home que fixo certa fortuna en Cuba e que logo veu montar o seu negocio de tecidos na grande casona que aínda exhibe o seu poderío en Marqués de Figueroa.

E, como remate, e en relación co día das telecomunicacións, non podemos deixar de lado a proposta “Radio Outeiro” nacida hai tan só uns días da man de Iván Sanjurjo e Sabela Cinza. Trátase dun podcast na plataforma IVOOX na que se irán publicando episodios semanais de aproximadamente unha hora de duración a xeito de “radio comunitaria e participativa que emite desde o Outeiro para toda a galaxia”.

Para contactar con eles e achegarlles calquera tema pódeselles escribir a  radioouteiro@gmail.com, ou ben seguilos en Instagram (@radioouteiro) e Facebook. De cara a este 17 de maio -cando xa estará dispoñible o segundo programa- andan artellando un especial que terá moito que ver coa lingua e a cultura.

Share.