Mocidade organiza unha quedada “Iger” no Sons na Cortiña

0

“Iger” ou “Instagrammer” son dúas palabras que aínda non forman parte de ningún dicionario pero que son de sobras coñecidas pola xente nova. As dúas significan o mesmo -Iger é a abreviatura de Instagrammer- e refírense ás persoas con perfil e certa actividade na rede social Instagram, a plataforma preferida pola rapazada entre 12 e 18 anos para facerse ver en internet, aínda que tamén conta cunha inmensidade de usuarios e usuarias de máis idade, entre eles o Concello de San Sadurniño. En Instagram as protagonistas son as fotografías e os vídeos cun certo aspecto retro compartidos ao instante acompañados de pequenos textos e etiquetas temáticas. A estas alturas pouca explicación precisa esta auténtica raíña dos dispositivos móbiles á que o festival Sons na Cortiña lle adicará un apartado na tarde deste domingo. E é que para ese día se lanzou a convocatoria dunha quedada iger á que se agarda a asistencia de instagrammers de dentro e fóra de San Sadurniño co obxectivo de achegar a súa particular visión en vídeo tanto do festival como do contorno natural do Xuvia. O punto de encontro é a haima de información do Concello ás 16.00h. e as etiquetas que se usarán serán  #IIISonsnaCortiña, #Igersansa, #IgersACoruña, #Igerscoruna e #IgersGalicia.

O evento está aberto a calquera persoa con perfil nesta rede social e non fará falla ter experiencia previa. De feito, quen non teña Instagram e queira participar recibirá axuda para crear o seu perfil nunha pequena benvida ás persoas participantes que se dará no punto de encontro pouco antes de comezar. Iso si, fai falla que todo o mundo traia móbil ou táblet con conexión a internet.

Na charla introdutoria, ademais da benvida, tamén se darán algúns consellos técnicos e explicarase o funcionamento da quedada, que estará centrada na elaboración de pequenos vídeos sobre calquera tema que as persoas participantes queiran recoller dentro do espazo do Sons na Cortiña: os concertos, os xogos, a loita de sumo, o que se coce nos food-trucks… ou a natureza que rodea o festival, asentado en pleno paseo fluvial do Xuvia.

A diferenza doutras quedadas Iger, nesta de San Sadurniño -a primeira que se organiza deste tipo- non se planificará un itinerario, senón que só se dará a consigna de contar o que hai no Sons. Esa é a razón de que se marcase como etiqueta temática das publicacións o hashtag #IIISonsnaCortiña.

Cadaquén será libre de facer como queira. Poderá subirse un vídeo cun único plano, un vídeo editado previamente, un vídeo gravado con outro dispositivo -cámaras gopro, réflex, dji e similares-, un vídeo feito a partir de fotos… non hai límite nin tecnolóxico nin creativo. Só iso, que deben ser vídeos, aínda que nada quite de facer tamén fotografías e empregar nelas tanto a etiqueta principal como as outras recomendadas,  #IgersACoruña, #IgersGalicia e, sobre todo, #Igersansa, arredor da que se pretende impulsar un grupo creativo en San Sadurniño.

“O obxectivo desta primeira quedada de instagrammers é completar dun xeito distinto as actividades do Sons na Cortiña”, explica Sabela Íñiguez, titular da área de Mocidade. Porén, tal e como apunta a concelleira, o encontro tamén busca “resumir un mesmo festival e un mesmo contorno con imaxes e con distintas ópticas que despois se poidan ver agrupadas tematicamente como un grande mosaico na rede. Queremos que cada vídeo sexa como o píxel dunha imaxe e que todos eses píxeles xuntos nos ofrezan unha perspectiva do Sons distinta e sorprendente”, sinala Íñiguez.

Por outra banda, a concelleira tamén explica que introducir  vídeo no Sons na Cortiña ten a finalidade de aproveitar todo o potencial de Instagram para contar cousas e crear comunidade. Nestes momentos o perfil municipal @concellosansa nesta rede posúe 575 persoas seguidoras que, a segundo Sabela Íñiguez Cinza “non son moitas, pero si bastantes se temos en conta que case non publicou nin se promocionou. Os concellos podemos e debemos explorar as posibilidades de Instagram como ferramenta de comunicación  e de conexión coa mocidade, algo que a propia xente nova nos pide”.

Alén desta cuestión, a área de Mocidade tamén pretende que a videoquedada iger do domingo sexa o aperitivo audiovisual da programación do IV Chanfaina Lab que terá lugar na fin de semana do 1 ao 3 de setembro coa participación de cineastas locais e outros chegados de fóra, como o multipremiado Óliver Laxe.

Un programa completo para inspirarse
E materia prima para a creatividade vai sobrar durante a xornada do III Sons na Cortiña. Quen veña sobre as 12.00h. xa poderá gozar de xogos e obradoiros -circo, pulseiras, camisetas, xogos xigantes, crebacabezas, etc.-. A iso das 14.00h. teremos a sesión vermú con Os Modernos e, ao seu remate, haberá unha pequena pausa para xantar -no recinto instalaranse camionetas de comida- e a actividade reanudarase ás 16.00h. coa quedada iger e cun tatami para emular os loitadores de sumo e botar unhas boas risas.

Para as 17.00h. está programado o espectáculo humorístico “Circus Magníficus” e, xusto despois, sobre as 18.00h. comezarán os concertos musicais de The Kids Band Ferrol, De Vacas -19.15h.- e Natural Green, que pechará o III Sons na Cortiña a partir das 20.30h.

O Festival Sons na Cortiña está organizado polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación AC/DZ.

Share.