Medio Rural rexeita levantar a prohibición de plantar pataca en San Sadurniño

0

A Xunta acaba de respostarlle ao Concello a súa solicitude de que se poida volver plantar pataca naquelas zonas de San Sadurniño libres de couza guatemalteca. E a resposta é que non, que non se pode sementar en ningún punto do noso territorio. Así o reflicte unha carta asinada polo Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, na que Medio Rural volve repasar o contido do seu protocolo de erradicación e recorda a normativa aplicable, pero sen ofrecer datos sobre o alcance da praga en San Sadurniño, nin tampouco argumentos convincentes de por que nalgúns municipios da Costa da Morte as restricións se aplican por parroquias mentres que aquí a prohibición é para todo o concello. En calquera caso, unha cousa está clara: en San Sadurniño non se pode plantar pataca e, tal e como recorda a Xunta, quen o faga exponse a unha “sanción de multa de 3001 a 120.000 euros”.

Na solicitude que rexistrou o Concello o pasado 1 de febreiro pedíase información actualizada sobre a evolución da praga que incluíse as zonas e as datas de detección de couza, de cara a dispor dunha radiografía o máis precisa posible sobre cal é a situación de San Sadurniño. A Xunta resposta que ese tipo de información se comparte na Comisión de Seguimento integrada pola Xunta, a FEGAMP e o sector e que, segundo apunta Medio Rural, facilitarlla directamente aos concellos -na nosa zona San Sadurniño, Narón e Valdoviño- “vulneraría a normativa actual de protección de datos de carácter persoal”.

Desde a área de Desenvolvemento Local critícase esta negativa a proporcionar os datos solicitados polo Concello a principios de mes. “Nós queremos saber cantas capturas se produciron e as parroquias que están afectadas, e para iso non é necesario que nos faciliten o nome de ninguén. O argumento que utiliza a Xunta para non darnos a información que lle pedimos é bastante endeble”, asegura o concelleiro Manolo Varela.

Por outra banda, o Concello tamén instaba a Medio Rural a que, de acordo cos datos de incidencia, se decretasen restricións para as zonas afectadas e non para todo o territorio municipal, como ocorre en varias parroquias de Arteixo, A Laracha e Carballo, onde a delimitación só lle afecta a determinadas parroquias e incluso a lugares máis pequenos, como é o caso da parte sur da parroquia carballesa de Noicela.

Neste sentido, desde San Sadurniño reclamouse o mesmo trato sempre e cando os rexistros de incidencia da praga así o permitisen. Porén, a Xunta non rebela no seu escrito se a couza está presente en todo San Sadurniño ou só en certos lugares e limítase a contestar que, a diferenza do noso concello, os da Costa da Morte non foron incluídos nas restricións decretadas en 2017 e que, polo tanto, agora pode aplicarse a corentena en aquelas parroquias “con brotes moi localizados en explotacións agrarias pequenas”. Medio Rural considera que, neses casos, delimitar todo o ámbito municipal “suporía unha medida desmesurada”.

Esta resposta tampouco convence en San Sadurniño. “Aquí tamén hai explotacións pequenas, todas ou case todas para autoconsumo, e pensamos que tamén é ‘desmesurado’ prohibir as plantacións en todo o territorio; a menos, claro está, que todo San Sadurniño estea cheo de avelaíñas a pesar de levar case catro anos de prohibición. Se segue habendo couza, algo que descoñecemos porque non se nos facilita a información, a Xunta deberá explicar o motivo, xa que é a responsable de controlar o andazo e o cumprimento da normativa. É máis, se apareceron exemplares en puntos concretos o lóxico é que se peine a zona a ver onde hai pataca sementada, que é o único sitio onde a praga pode reproducirse. Intuimos que ese labor de inspección sobre o terreo non se está levando a cabo, seguramente porque a consellaría non destina os medios necesarios para facelo”, asegura Secundino García.

Segundo Medio Rural, en todas as zonas demarcadas de Galicia -norte de Lugo e norte e oeste da Coruña- incoáronse e resolvéronse durante 2020 un total de  37 expedientes sancionadores por plantacións irregulares. Na carta remitida por Medio Rural volve recordarse que “San Sadurniño continúa neste momento dentro das zonas consideradas como infestadas e deberá cumprir o estipulado pola normativa de aplicación”. O escrito tamén lembra que saltar a prohibición de plantar pode significar multas de 3.001 a 120.000 euros.

Share.