Medio cento de persoas participaron na Ruta ciclista deste domingo

0

A Ruta ciclista organizada polo Concello en colaboración co club Biela e Chaveta reuniu na mañá deste domingo a unhas 50 persoas entre grandes e pequenas para percorrer arredor de 13 quilómetros pola zona de San Sadurniño e Pedroso. O tempo aguantou sen auga e tamén sen sol, o que ofreceu condicións ideais para dar unha volta en bicicleta por un trazado case chan e adaptado a calquera idade. A ruta pechou unha intensa fin de semana de actividade que arrancou o venres á noite cun paseo nocturno dentro da programación do “Venres en Sansa”. Unha fin de semana que tivo un dos momentos máis intensos o sábado á tarde coa disputa da final da copa feminina de fútbol no campo de Currás entre o CF San Sadurniño e o Racing de Ferrol.

A ruta ciclista saiu pouco despois das 11 da mañá de diante do colexio público. O camiño elixido levou ás persoas participantes pola avenida Marqués de Figueroa e despois pola Agra para conectar en costa abaixo coa estrada de Pedroso. O punto medio da viaxe situouse na capela da O, desde onde se volveu ao punto de saída por un camiño alternativo que pechou un circuíto de 13 quilómetros levadeiros para calquera persoa, incluso para quen non teña o hábito de montar en bici.

Parte do percorrido foi o mesmo que fixeron a trintena de persoas participantes na camiñada nocturna do “Venres en Sansa”. Con saída e chegada tamén no CPI, encararon o lugar da Agra, baixaron ata a estrada de Pedroso e, desde alí, cruzaron pola depuradora municipal ata Cornide para despois baixar ao paseo fluvial e volver ao punto de partida. A ruta de sendeirismo -cunha distancia aproximada de 5 quilómetros- desenvolveuse nunha noite en que houbo  que suspender dous dos obradoiros por falla de inscrición, o de programación máis Minecraft e o de exercicio da empatía. Si se mantivo o de cociña, que volverá repetirse este venres en que pechan as actividades iniciadas en maio.

A oferta complétase, de novo, cun obradoiro de programación e Minecraft -10 prazas- que, de haber inscricións, se desenvolverá na Casa da Xuventude a partir das 20.00h.; unha sesión de Danza Moderna na Casa da Cultura -21.00h. a 23.00h.- coa colaboración do Club Brío e, á mesma hora que a cociña -23.15 a 1.00h.- unha proba de orientación nocturna semellante á do ano pasado, cando as persoas participantes se dividiron en equipos para atopar varios tesouros escondidos no contorno do centro urbano, o paseo fluvial e os xardíns do pazo.

A inscrición nestas actividades hai que facela, como moi tarde, o mércores ás 14.00h. Abonda con pasar pola Casa da Cultura, onde será necesario entregar a folla debidamente cuberta. Tamén se pode chamar ao 981 490 027 (ext.3) para obter máis datos.

As rapazas do CF San Sadurniño, subcampioas da Copa
E o campo da piscina de Currás encheuse literalmente este sábado á tarde para animar ao equipo feminino do Sansa na disputa da final da copa de fútbol 8 fronte ao Racing de Ferrol. Foi un partido intenso no que as rapazas locais chegaban co ánimo de ter superado hai dúas fins de semana a outro dos equipos potentes da categoría, o CD As Pontes.

Buscaban repetir o éxito de 2015 cando, tamén contra o Racing, ergueron o trofeo tras vencer ás ferrolás na súa cancha por 1-2. Porén, na final deste ano a cousa foi ao revés, xa que as rapazas de Ferrol se impuxeron na casa do San Sadurniño co mesmo marcador: 1-2.

As crónicas deportivas falan dun partido que mantivo a emoción até o final e no que os dous equipos mostraron as razóns polas que un e outro están sempre nos postos da cabeza ligueira. De feito, o CF San Sadurniño rematou temporada en cuarta posición -de 18 equipos- mentres que o Racing de Ferrol certificou unha temporada excepcional ganando a liga e maila copa. Unha copa que, de seguro, volverá a San Sadurniño a temporada que vén.

Share.