Lamas colle ritmo para a súa feira de artesanía e de degustación das carrilleiras

0

Este último domingo do mes de maio vén marcado por unha intensa actividade en San Sadurniño, onde disfrutaremos da quinta edición da carreira popular organizada polo Concello e o CPI, o mercado local que se desenvolverá nos xardíns municipais e tamén pola tradicional Feira de Artesanía e de degustación de carrilleiras promovida pola Asociación veciñal Xuntanza de Lamas. A parroquia está volcada estes días cos preparativos dun evento que contará con 22 postos expositores e no que se servirán arredor de 300 menús completos presididos por un prato típico que sempre lles sae exquisito. Quen queira probalo aínda está a tempo de reservar sitio chamando aos teléfonos 666 045 124 e 618 838 760. Pero, ademais de artesanía e tenreira, a feira tamén ofrecerá máis alicientes. 

O programa arrancará a media mañá coa apertura dos postos de artesanía, que se mesturarán con outros máis centrados na venda de produtos da terra. Porén, a apertura oficial será cousa do pregoeiro deste ano, neste caso o escritor e mestre Antón Cortizas. Nado en Ferrol en 1954, Cortizas ten no seu haber preto de medio cento de obras entre poesía, narrativa, ensaio, teatro e edicións colectivas. A última delas, Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), ilustrada por Leandro Lamas, presentouse hai pouco tempo en San Sadurniño.

O pregón do autor ferrolán daralle paso á actuación musical de Tania, quen animará o mediodía a xeito de pequena sesión vermú. A cantante aínda repetirá pola tarde o repaso aos grandes éxitos do momento. A parte musical non será cousa dela unicamente, senón que a organización tamén convidou ao alumnado da academia de baile Fusion Dance para que ofrecese dúas exhibicións, unha pola mañá e outra de tarde.

Con todo, a grande protagonista da xornada é a gastronomía. A deste domingo 27 de maio será a duodécima edición dunha feira dedicada ás carrilleiras, prato típico elaborado cunha das partes máis tenras e saborosas da tenreira. O menú a mesa posta complétase con empanada, sobremesa, bebida e pan por un prezo de 18€ para persoas adultas, de 12€ para a rapazada de entre 6 e 12 anos e gratuíto para nenas e nenas menores de 6 anos.

A asociación veciñal de Lamas marcou o venres pasado como data límite para reservar. Porén, tal e como comentaba un dos membros da entidade esta mañá “ben sabes como son estas cousas, sempre hai quen espera para última hora. Pero non vai haber ningún problema”. Polo tanto, quen queira probar carrilleiras aínda está a tempo de se apuntar chamando ao 666 045 124 ou 618 838 760. E o tempo tampouco debe preocuparnos, xa que todo o recinto -situado diante do local social do Chao de Lamas– está cuberto cunha grande carpa.

Camiñada pola parroquia
Ese mesmo lugar, o local social, será o punto de saída da penúltima camiñada parroquial organizada polo Concello. A ruta partirá este venres 25 de maio ás 16.00h. e para participar nela non é necesaria inscrición previa, abonda con estar no sitio a esa hora. O trazado é apto para calquera idade e faise en pouco máis dunha hora dando un paseo sen demasiado desnivel nin tampouco camiños dificultosos. Fará de guía o grupo de ximnasia de mantemento da parroquia e o único equipamento obrigatorio é o chaleco reflectante, aínda que tamén se recomenda levar calzado cómodo e transpirable, un caxato e algo de beber.

Share.