Igualdade reactiva a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero

0

A Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero é un órgano no que están representadas as principais entidades políticas, institucionais e sociais de San Sadurniño e Moeche cuxa función se centra na prevención, detección e actuación ante casos de violencia contra da muller, así como na definición e posterior seguimento de novas liñas de traballo neste ámbito. A mesa creouse en 2016, pero a súa actividade viuse interrompida pola pandemia. O Concello de San Sadurniño, pioneiro na posta en marcha deste organismo, está traballando xa na reactivación do seu funcionamento e, nese sentido, hai escasos días desenvolvéronse dúas sesións formativas financiadas pola Xunta de Galicia nas que se estableceu a folla de ruta que se vai seguir nos próximos meses.

Á formación impartida asistiu persoal técnico e responsables políticas das  áreas de Servizos Sociais e Igualdade dos concellos de San Sadurniño e Moeche, ademais da orientadora do CPI de San Sadurniño e o sarxento do posto da Garda Civil de San Sadurniño.  Escusou a súa ausencia por incompatibilidade horaria o responsable do Centro de Saúde que, porén, tamén forma parte da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

Os obxectivos da mesa son varios, pero entre eles destaca o traballo para detectar de forma anticipada casos de violencia machista, afondar na prevención, artellar mecanismos que axilicen a atención e acompañamento das vítimas, incidir na protección das que se atopen en situacións de alto risco e tamén informar e sensibilizar tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Para alcanzar estes obxectivos, a MLC funciona xuntando os puntos de vista e o coñecemento de todas as partes implicadas, é dicir, mirando o problema con máis detalle, definindo os indicadores que se deben ter presentes e, a partir deles, poñer en marcha estratexias de actuación conxuntas en contacto co departamento autonómico con competencias na materia.

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero creouse en 2016  ao abeiro do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes deseñado polo Concello para o período 2014-2017. As funcións do organismo tamén se recolleron no III PIOMH e volven figurar no cuarto plan, aprobado recentemente polo Concello, onde se menciona que as reunións se celebrarán cada seis meses -ou antes se for preciso- e a necesidade de facer partícipe da mesa ao proxecto de detección, acompañamento e prevención O Lavadoiro, posto en marcha en 2022.

As dúas sesións formativas que se desenvolveron hai uns días serviron para tratar estas cuestións e establecer unha folla de ruta  que persegue, en último caso, reactivar a mesa. Neste sentido comezarase pola definición dunha estratexia que mellore a coordinación entre as institucións participantes, incluíndo xa ás mulleres “facilitadoras” e homes “aliados” do Lavadoiro. Outra encomenda da mesa será a de elaborar un protocolo de actuación ante posibles situacións de agresións sexistas en grandes eventos que sirva como guía para persoal técnico e voluntario.

O próximo encontro da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero celebrarase o 30 de marzo.

Share.