Igrexafeita ampliará o catálogo de sendas peonís do territorio

0

O Concello adxudicou recentemente o contrato das obras de construción dunha senda peonil no lugar do Camiño Grande, en Igrexafeita. Delas encargarase a empresa Excavaciones Saavedra y López S.L. tras impoñerse na licitación a outras 29 ofertas admitidas. O importe dos traballos ascende a case 28.000 euros e o prazo de execución máximo son dous meses. O proxecto arrancará nos próximos días e con el búscase mellorar a seguridade nun tramo duns 350 m. que discorre paralelo á antiga estrada das Pontes. Esta será a sétima senda peonil que se constrúe no territorio, tralas experiencias anteriores de Naraío, Lamas, Santa Mariña do Monte, Bardaos e o Camiño Arriba. O finanzamento provén do POS+ Adicional de 2017.

O problema de fondo -e moi fondo, por certo- é que en toda a zona do Camiño Grande non existen beirarrúas nin tampouco un arcén suficientemente ancho que permitan camiñar con seguridade pola beira da AC-861, unha estrada que aínda hoxe soporta moito tráfico pesado de camións que se desvían da autovía Ferrol-Vilalba para facer as paradas de descanso obrigatorias ou para xantar. A isto súmaselle que o único lado máis ou menos libre sería o esquerdo en sentido Ferrol-As Pontes, se non fose porque ao longo de máis de 300 metros hai unha cuneta de máis dun metro de fondo e arredor dun metro de ancho interrumpida unicamente polos accesos ás vivendas que hai ao seu carón.

A solución proposta no proxecto polo Concello -e solicitada á súa vez pola veciñanza nas xuntanzas do orzamento participativo- será a de dotar todo o trazado comprendido entre Casa Casal e o bar Xaida dunha senda separada da estrada que vaia xusto por riba da cuneta. O plan da obra reflicte a instalación de tubaxes de grande diámetro no fondo da gabia así como canalizacións que permitan evacuar a auga procedente da calzada. O remate superficial será un sendeiro de formigón de 1,6 metros de ancho que se executará en 10 tramos ata cubrir aproximadamente 350 metros de distancia.

A obra servirá para completar a trama peonil da zona máis poboada de Igrexafeita, habida conta de que en todo o núcleo da Torre existen beirarrúas desde hai anos e que entre ese lugar e o arranque da nova senda tamén hai unha pequena área de descanso pola que se pode camiñar despreocupándose do tráfico rodado agás para cruzar a estrada.

O contrato cuantificouse inicialmente nunha contía de  44.487,25€ e foron 34 as empresas que presentaron documentación para tentar facerse con el. Finalmente só se admitiron 30 propostas e, delas, a máis vantaxosa segundo a mesa de contratación resultou ser a achegada por Excavaciones Saavedra y López S.L., que ofertou un prezo de 27.975,20€, ive incluído. A construtora especializada en obra viaria ten xa na zona materiais e maquinaria, polo que se agarda que as obras comecen en breve.

O proxecto sufrágase con cargo aos fondos xestionados pola Deputación da Coruña dentro do POS+ Adicional 2017. Neste programa tamén se incluíron a reparación das pistas en Silvalonga e en Ferreira que comezaron esta mesma semana e a primeira fase da reurbanización da Avenida Marqués de Figueroa, en San Sadurniño, que previsiblemente se adxudicará na semana que entra.

 

Share.