Galicia deixa atrás este luns o Estado de Alarma, pero non a obriga de ter moito coidado

0

Galicia estará a partir de luns fóra do Estado de Alarma. É dicir, entramos nunha “nova normalidade” antes que ninguén, que estará xestionada directamente pola Xunta. O Goberno Galego publicou esta mañá unha resolución cargada de normas preventivas que se deberán adoptar. Non son novas, senón unha especie de “mix” de ordes anteriores e do decreto estatal que regula o tempo que virá trala Fase 3 da desescalada. O DOG condensa as medidas nun único texto que presenta poucas variacións -moitos parágrafos son literais- e que puntualiza algunhas cuestións, como por exemplo as relativas ás verbenas  (que poderán retomarse a partir do 1 de xullo sen indicar de que maneira), as condicións de apertura de locais de xogos de azar… pero pouco sobre o reinicio do ensino no mes de setembro, algo que deberá definir a Consellaría de Educación no pertinente protocolo. En calquera caso, a resolución apela á responsabilidade individual para poñer en práctica en todo momento as recomendacións de hixiene e distanciamento persoal co obxectivo de previr contaxios.

MOBILIDADE

  • Mentres non remate o Estado de Alarma seguirá restrinxido o tránsito entre comunidades autónomas, salvo por motivos laborais, regreso ao domicilio ou causas de forza maior. Dentro de Galicia a mobilidade é total entre as catro provincias.
  • Non haberá limitación para xuntarse -incluso grupos maiores de 25 persoas, que será o tope para as terrazas- pero deberán seguir respectándose todas as medidas de prevención e hixiene e mantendo a distancia mínima interpersoal de 1,5 a 2 metros.
  • Seguirá sendo obrigatorio o uso de máscaras para persoas de seis anos en diante: na vía pública, en espazos ao aire libre, en espazos pechados de uso público -tendas, comercios, instalacións administrativas, etc.- sempre que non se poida manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros.
  • Tamén segue sendo obrigatoria nos transportes públicos -avións, autobuses, trens, taxis e barcos (nestes últimos non será necesario en cuberta se se pode gardar a distancia mínima)-. Nos vehículos privados de ata 9 prazas -tamén en furgóns, camións e furgonetas- só haberá que levar máscara se as persoas que viaxan non viven todas no mesmo domicilio. Por certo, a normativa da Xunta permite a ocupación de todas as prazas nos vehículos particulares, taxis e transportes, aínda que neste último caso recomenda manter a máxima separación se hai sitio dispoñible. En motocicletas e ciclomotores -tamén en vehículos da categoría L, coma os cuadriciclos-, cando vaian dúas persoas será obrigatorio o uso de luvas (de protección ou de tipo sanitario, valen os dous tipos). Deberán levar máscara se non usan casco integral. Non será obrigatoria se só vai unha persoa.
  • Hai excepcións que autorizan a non usala: se se padece algunha enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada pola máscara. Tampouco será obrigatoria nos casos de persoas dependentes ou discapacitadas que non teñan autonomía para sacar a máscara ou que presenten alteracións da conduta por levala posta.
  • Non se esixirá máscara nos deportes individuais e no exercicio ao aire libre, nin tampouco en supostos de forza maior ou cando a propia natureza da actividade sexa incompatible co uso do cubrebocas.
  • Non levar mascarilla debendo facelo pode supor unha sanción de carácter leve con multa de 100 €, tal e como indica a normativa Estatal da “nova normalidade”.

BARES E RESTAURANTES

  • En bares e restaurantes:  terrazas ao aire libre ata un máximo do 80% das mesas e no interior, ata un máximo do 75% de ocupación.
  • En bares e restaurantes poderá haber grupos de ata 25 persoas por mesa ou agrupación de mesas. As mesas deberán estar separadas entre si polo menos metro e medio. Á hora de pagar optarase preferiblemente pola tarxeta ou o móbil cunha aplicación contactless, evitando no posible o metálico.
  • Ata o 1 de xullo continuarán pechadas as discotecas, os locais de ocio nocturno (si poden abrir terrazas desde este luns) e os espazos de ocio infantil -as “bolitas”- para menores de 12 anos.

COMERCIOS E OUTROS NEGOCIOS

  • Os establecementos e locais comerciais poden chegar ao 75% da súa capacidade. Deberá establecerse un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos. Tamén será obrigatorio facilitar o mantemento de distancias con marcas ou balizas, regular no posible a circulación interior e evitar aglomeracións. De feito será necesario vixiar o aforo, asegurarse de ventilar e hixienizar as instalacións (tamén os produtos á venda ou compartidos, como a roupa que se probe) e ter a disposición da clientela xel hidroalcólico.
  • Con carácter xeral os aseos de ata 4 m² estarán limitados a unha única persoa cada vez, e se son maiores desa superficie e teñen máis cabinas ou urinarios, só poderán usarse ao mesmo tempo o 50%. Esta norma vale para todos os espazos, incluída a hostalaría.
  • Nos centros e parques comerciais -Odeón, por exemplo- non se poderá superar o 50% da ocupación dos espazos comúns.  Nas salas de lactancia, máximo unha familia. As salas de cine poderán chegar ao 75% da súa capacidade. Os comercios destas áreas comerciais, igual que o resto: 75% do aforo.
  • En feiras e mercadillos poderán chegar ao 75% dos postos habituais ou autorizados. Os postos deberán estar separados e a clientela non poderá manipular o produto. En todo caso, haberá que garantir a distancia social de 1,5 metros. Correrá por conta dos concellos vixiar que se cumpran as condicións.

MORTORIOS, ENTERROS, MISAS… VODAS, COMUÑÓNS, BAUTIZOS…

  • Os velorios poderán celebrarse en instalacións públicas ou privadas cun límite máximo en cada momento de 30 persoas se son en espazos pechados  e de 60 se son ao aire libre.
  • Aos enterros e cremacións xa poderán asistir 75 persoas entre familiares e achegadas, ademais de quen celebre o rito funerario. Sempre gardando un mínimo de 1,5m. de distancia,
  • A celebración de misas (ou outros cultos), ao 75% do  aforo do templo, que deberá ter á vista un cartel coa súa capacidade. A máscara será obrigatoria ao entrar, ao saír e ao moverse no interior. Enténdese que unha vez sentados no banco non sería necesaria se se manten a distancia social. Segue prohibíndose o contacto persoal, a distribución de calquera obxecto, bicar ou tocar obxectos de culto e a auga bendicida. As celebracións de culto en espazos exteriores deberán estar autorizadas previamente polos concellos. Por certo, nesas celebracións non poderá haber coros.
  • As vodas  civís ou relixiosas en recintos públicos ou privados, abertos ou pechados, non poderán superar o 75% do aforo. Os convites en restaurantes rexeranse polas condicións sinaladas para a hostalaría. Se as cerimonias son en lugares distintos non previstos na norma autonómica -fincas privadas, por exemplo-, limítase igualmente ao 75% da capacidade e a 250 persoas se son ao aire libre ou 150 se son en interior. Enténdese que estas regras son de aplicación tamén para bautizos e comuñóns.

BIBLIOTECA, ESPECTÁCULOS, FESTAS E VERBENAS 

  • A Xunta sinala que as bibliotecas públicas ou privadas poderán funcionar con normalidade -atendendo ás medidas hixiénicas e de distanciamento social- e ocupar ata o 75% dos servizos.
  • As condicións para o desenvolvemento de actividades e espectáculos culturais, tamén sitúan o tope de participantes no 75% da capacidade dos recintos, co público sentado e gardando no posible a distancia interpersoal -se non é posible, con máscara-. En lugares pechados poderá haber ata 300 asistentes. En lugares ao aire libre a cifra sobe até os 1.000. Estas normas rexen para charlas, congresos e conferencias.
  • A norma autonómica sinala, como curiosidade, que as persoas que actúen no escenario deberán manter entre si a separación mínima. Tamén se refire ás rodaxes audiovisuais, indicando que deberán estar autorizadas polos concellos se se desenvolven en espazos públicos.
  • No Diario Oficial de Galicia tamén se avanza que a partir do 1 de xullo poderán celebrarse festas e verbenas, ademais de permitir a actividade das atraccións, “sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle” e que a administración autonómica “así o permita”.

SERVIZOS DE CONCILIACIÓN E ENSINO

  • En canto a actividades de lecer dirixidas á rapazada (ás que poderiamos asimilar campamentos de conciliación), a Xunta estableceu que se poderán organizar para un 75% dos e das participantes habituais, con limitacións dependendo de se son a cuberto ou ao aire libre. Así, calquera proposta interior non poderá superar o 50% da capacidade do recinto nin os 150 participantes. Se son fóra, máximo 250 participantes. En todo caso han de facer as actividades en grupos máximos de 15 persoas, sen incluír os monitores ou monitoras, e evitar a interacción entre grupos.
  • De momento non hai pronunciamento sobre o ensino. O texto publicado hoxe no DOG só fala de que a apertura se rexerá polas condicións sanitarias que haxa a principios do curso 2020/21, engadindo que se redactará un protocolo para definir en que condicións se volverá ás aulas.

DEPORTES, PISCINA, PRAIAS E TURISMO

  • Os deportes individuais ou colectivos non federados ao aire libre e sen contacto poderán desenvolverse con ata 25 persoas ao mesmo tempo. En instalacións e centros deportivos poderá haber grupos de ata 25 persoas e a 2/3 da súa capacidade.
  • Os deportes federados de competencia autonómica deberán contar con protocolo preventivo da COVID-19 para organizar calquera evento que, en todo caso, terá que dispor o público sentado. Máximo 75% do aforo, 300 persoas en espazos pechados e 1.000 se son ao aire libre.
  • As piscinas deberán limparse a conciencia antes da súa apertura ao público. Só se poderá ocupar o 75% do seu aforo e promovendo sempre o distanciamento social. Nas zonas para toallas ou hamacas haberá que delimitar o espazo para garantir a separación entre persoas usuarias. A piscina municipal de San Sadurniño podería abrir o 1 de xullo, dependendo dos protocolos preventivos que se deban adoptar.
  • Nas praias limítase o uso de duchas e billas para lavar os pés a unha única persoa -salvo que precise asistencia-, e os aforos máximos dos areais déixanse á decisión dos concellos costeiros dándolles como referencia que haxa, polo menos, 4m² por cada persoa usuaria.
  • En canto aos parques infantís, parques biosaudables e zonas deportivas ao aire libre, a Xunta estableceu unha ratio de uso máxima de 1 persoa por cada 4 m², deberanse facer desinfeccións diarias do mobiliario e aconséllase -non se obriga- a que haxa a disposición das persoas usuarias xel hidroalcólico e solucións xabonosas para nenas e nenos menores de 3 anos.
  • En hoteis e aloxamentos turísticos permítese abrir as zonas comúns sen superar o 75% do aforo. Os servizos hostaleiros e de restauración rexeranse polos mesmos criterios dos bares e restaurantes. En autoservizos terá que ser o persoal quen sirva a comida.
  • Poden facerse  actividades de turismo activo e de natureza, pero se se leva guía os grupos non poderán superar as 25 persoas. Nos desprazamentos por rutas, sendeiros e pasarelas, sempre se debe ir pola dereita. Está permitida a pesca -fluvial e marítima– e tamén a caza pero sen compartir utensilios e mantendo a separación entre persoas.

Como remate, recordamos que o máis  importante para previr contaxios ou rebrotes da COVID-19 é todo aquilo que nós podemos e debemos facer a título individual: usar mascarilla se non se pode gardar a distancia de seguridade de 1,5 a 2 metros, lavar frecuentemente e a conciencia as mans, non tocar ollos, nariz e boca, tusir e esbirrar contra un pano desbotable ou contra o interior do cóbado (se se leva máscara, non sacala) e, por último, se se teñen síntomas -tose, febre, cansanzo, dificultade para respirar, etc.- quedar na casa, non facer vida social e contactar de inmediato co 900 400 116 para que as autoridades sanitarias fagan seguimento da nosa situación e nos indiquen como proceder.

A normativa da Xunta, que será de aplicación desde este luns en que Galicia estará fóra do Estado de Alarma, apunta que todos os servizos sociosanitarios, públicos ou privados, terán que comunicar calquera caso de COVID-19 do que teñan coñecemento.

Todas estas medidas preventivas manteranse mentres non haxa unha vacina ou un tratamento eficaz contra o coronavirus e a enfermidade que produce e, en calquera caso, ata que se declare o levantamento da emerxencia sanitaria.

Share.