Fin de semana extralonga e con propostas moi saborosas

0

Toca avanzar xa as citas que imos ter durante a próxima fin de semana, que virá marcada -segundo parece- polo bo tempo e por empezar en venres festivo. Do que temos constancia neste momento fixéronnos saber desde Bardaos e desde San Sadurniño. No primeiro lugar teremos o sábado unha nova edición da súa festa da chanfaina e, no segundo, poderemos asistir ao curso de repostaría do Nadal que organizou ConcienciArte para toda a xornada do venres da Constitución. En ambos casos hai que irse apuntando xa se non queremos quedar sen sitio.

ConcienciArte proponnos para un interesante obradoiro no que aprenderemos a facer a maioría das sobremesas que se tomarán nas próximas festas. Manteigados de aceite, manteigados de graxa, mazapán, polvoróns de tres gustos, cordiais, turrón de xema, turrón de chocolate, turrón mol… case non quedará ningunha por ver nin tampouco por probar.

A sesión desenvolverase este venres en xornada de mañá e tarde: de 10 a 14.00h. e de 16 a 20.00h. no local social da entidade, situado na antiga escola de Silvalonga. O prezo son 20€ para persoas socias da entidade e de 25€ para non socias, incluíndo nel a formación e todos os ingredientes. Despois cadaquén levará o que preparase.

Para anotarse hai que chamar ao 656 260 284, o mesmo teléfono no que poderemos reservar sitio para o xantar popular que tamén organizan o sábado 14 de decembro. Ese día teñen programada unha sesión vermú/batukada para as 13.30h. Unha hora despois sentarán á mesa para degustar un menú composto por callos con setas, paella vegana e polo en salsa, ademais de viño, auga e café. O prezo único son 15€ e cómpre apuntarse antes do día 11. Ao longo da tarde disporán dun micro aberto para que calquera poida cantar, tocar un instrumento ou animar a tarde como lle pareza.

Chanfainada en Bardaos
A outra cita relevante da finde lévanos ao local social de Bardaos para participar na VIII Festa da Chanfaina organizada pola parroquia e a Confraría do San Pipote. Un prato para correr o frío deste tempo fresco e enxoito que parece que aínda vai aguantar varios días.

Segundo o cartel anunciador, o prezo do xantar -a base de chanfaina como prato principal, obviamente- é de 15€, incluíndo a bebida e a sobremesa. Urxe inscribirse porque xa queda pouco sitio e, ademais, fai falla ter previsión de comensais para preparar rechos e recheos, que en Bardaos sempre se fan ben cumpridos, saborosos e abundantes para que ninguén, por moito que coma, marche con fame.

Pois iso, hai que apuntarse o antes posible nos teléfonos 630 563 130 ou  679 821 158. A comida está posta para as 15.00h. e durante a tarde haberá música ao vivo.

Últimos días para apuntarse no Tempos para compartir do sábado 14
Outra previsión que cómpre ter en conta é o Tempos para compartir da semana que vén, xa que este mércores é o último día para anotarse. A sesión terá lugar o sábado 14 na Casa da Xuventude e nela aprenderemos a decorar unha estancia con motivos do Nadal dun xeito orixinal e personalizado, empregando materiais sinxelos e de reciclaxe.

Crearase unha singular árbore de Nadal, bólas e galletas decoradas, centros de mesa e outros adobíos ben vistosos. Deste obradoiro encargarase Mónica Cibreiro, colaboradora habitual do programa coa que xa aprendemos en anteriores ocasións moitas cousas sobre decoración e repostaría. Hai 15 prazas dispoñibles  e para cubrilas daráselle prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño.

A inscrición neste obradoiro hai que facela a través do 981 490 027 ext.1 ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Share.