Fenosa informa sobre a próxima limpeza de biomasa ao pé das súas liñas

0

A empresa Naturgy -antes Gas Natural Fenosa- comunicoulle recentemente ao Concello a súa intención de acometer a retirada de árbores e maleza do entorno inmediato das súas liñas de condución eléctrica. O anuncio -que está publicado no tablón de avisos municipal- faise para que as persoas propietarias dos terreos lindeiros o saiban de antemán e, no caso de ter árbores afectadas, para que teñan tempo de decidir se cortan pola súa conta ou se deixan que sexa a brigada da empresa quen se encargue dos labores. Cómpre lembrar que a normativa autonómica de prevención de incendios obriga a manter unha faixa de protección libre de vexetación xusto debaixo das liñas, pero tamén nunha distancia lateral de 5 metros con respecto aos fíos condutores que queden pola súa parte exterior, onde non poderá haber piñeiros nin eucaliptos, ademais doutras especies que se consideran amigas do lume.

Canda a comunicación de Naturgy tamén hai un plano sobre os lugares onde Unión Fenosa Distribución S.A. ten previsto actuar á volta de dúas semanas máis ou menos. Son as liñas de alta que van desde Racamonde até o Eirexado, en Naraío; a que vén desde Bardaos ata Intasa e a que cruza desde A Portela ata Bouzarrara. A elas úneselle o entramado de baixa que suca A Golpilleira, A Pena, Vilachá, as Calvelas, Corripa e A Lobeira, en Santa Mariña do Monte.

É habitual que as distribuidoras procedan desta maneira, informando primeiro sobre os traballos para que as persoas propietarias que poidan verse afectadas teñan tempo de cortar as árbores e outra maleza que estea dentro da faixa de seguridade establecida na normativa.

Dentro do articulado da lei de prevencións establécese que a menos de 5 metros do cable máis exterior dunha liña de condución deberá xestionarse a biomasa -limpar silveiras, toxeiras, xesteiras, etc.- e que, ademais, non poderá haber árbores pirófitas coma os piñeiros, as acacias, os eucaliptos ou as mimosas.

Unión Fenosa Distribución S.A. informa neste sentido que dará un tempo de aproximadamente 15 días coa finalidade de que as persoas propietarias poidan facer os labores “se é do seu interese” e que, unha vez transcorrido ese tempo, será a propia empresa quen faga o traballo pola súa conta.

Información remitida por Unión Fenosa Distribución S.A.

Plano coas liñas onde a empresa ten previsto limpar
plano-liñas

 

 

Share.